Noa Presas, número 1 do BNG por Ourense: “Ímoslle gañar ás enquisas”
- “O BNG está recollendo moita ilusión en cada mitin, en cada encontro coas veciñas e veciños, por iso estou certa de que o día 25 recuperaremos moito apoio e poderemos manter o escano por Ourense”, dixo a candidata esta mañá en Celanova.
O BNG insiste en que a verdadeira enquisa, a única que conta, será a do próximo domingo día 25. Por iso esta mañá en Celanova, nun encontro con militantes e simpatizantes durante unha degustación de produtos locais, Noa Presas, a número 1 da lista por Ourense, manifestou que “o BNG está recollendo moita ilusión en cada mitin, en cada encontro coas veciñas e veciños, por iso estou certa de que o día 25 recuperaremos moito apoio e poderemos manter o escano por Ourense”. Presas subliñou: “Ímoslle gañar ás enquisas, mesmo as que son máis optimistas sobre o resultado do BNG e nos conceden grupo parlamentar”. A candidata recordou que desde as primeiras sondaxes publicadas hai dúas semanas, o BNG mantén unha tendencia ascendente na porcentaxe de voto estimado tanto en Ourense como no país, e incidiu en que “os escanos do BNG poden ser a chave para un goberno alternativo ao de Feijóo”.
En Celanova, Presas explicou ademais algunhas das medidas do BNG para reactivar o medio rural. E recordou o gran retroceso que significaron estes oito anos de gobernos do Partido Popular no rural e no sector primario. A candidata sinalou que o BNG pretende potenciar o banco de terras, ordenar os usos da terra atendendo ás características de cada comarca, establecer contratos homologados que regulen as relacións entre o sector produtor e o transformador -fixando particularmente garantías de prezos mínimos- e crear unha marca xeral para os produtos agrarios galegos, que acabe coa competencia desleal e cos enganos de produtos feitos noutros territorios do Estado e vendidos falsamente como galegos, entre outras medidas.
Pola tarde, en Ribadavia, durante un mitin xunto a Luís Pérez Ficol e o concelleiro Xacobe García, Presas volveu facer mención da necesidade de “vincular a produción primaria a outros sectores económicos como o turismo” e remarcou que o BNG aposta por “un lei do viño de Galiza que inclúa a reconversión e a reestruturación de viñedo; o reparto dos dereitos de plantación farase entre as distintas Denominacións, e o impulso dentro do Banco de Terras de medidas específicas para fomentar o arrendamento a longo prazo”.