Noa Presas: “O noso compromiso é con Ourense e coa mellora dos servizo ferroviarios”
Abaratamento da tarifa do AVANT de forma permanente, aumento das liñas e frecuencias e conectar a cidade de Ourense coas principais vilas e co resto do País: medidas que levará Presas ao Congreso
“Este 23 de xullo temos a oportunidade de rematar coa discriminación que sofre Ourense por parte das forzas estatais apostando por forzas propias como o BNG” sinala Noa Presas
A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, e o candidato ao Congreso, Artai Gavilanes, presentan as medidas prioritarias da organización nacionalista en materia ferroviaria a través do abaratamento das tarifas do AVANT, un aumento das liñas e frecuencias e conexións coas principais vilas de Ourense, así como co resto de Galiza. Neste sentido, entende que o 23X “é o momento de apostar por forzas políticas propias como o BNG para rematar coa discriminación que sofre Ourense e defender verdadeiramente os intereses da cidadanía”.
“A situación do transporte ferroviario en Ourense é o un dos exemplos do que sucede co bipartidismo clásico. Temos liñas e frecuencias deficitarias, adaptadas á realidade madrileña mais non ás necesidades das e dos ourensáns” apunta o candidato do BNG, Artai Gavilanes. Ao longo destes últimos anos, continúa, os sucesivos gobernos do Estado foron suprimindo liñas e paradas, así como a conexión da cidade con vilas como O Carballiño, a comarca de Valdeorras ou Ribadavia: “esta última cun único servizo diario que impide fixar poboación no territorio”.
Así mesmo, Gavilanes sinala a desidia do Goberno do Estado a respecto do AVANT que comunica a cidade de Ourense coa Coruña e Santiago. “Faltan frecuencias, tanto a primeira hora do día como a última hora que, cuestión que afecta tanto para estudantes como para traballadores” apunta. A esta situación hai que engadirlle o prezo actual para usuarios non recorrentes por ser unha das liñas máis caras do Estado.
“Este 23 de xullo temos a oportunidade de rematar coa discriminación que sofre Ourense por parte das forzas estatais apostando por forzas propias como o BNG que ten as mans libres para defender verdadeiramente os intereses da cidadanía galega e, no concreto, de Ourense” afirma a cabeza de lista do BNG ao Congreso.
Esta liña, segundo lembra Noa Presas, ten un 60% máis de prezo hoxe que calquera das liñas do Atlántico o que constitúe “unha grave discriminación con Ourense”. De facto, en 2018 as forzas políticas representadas no Parlamento de Galiza impulsaron, á iniciativa do BNG, un acordo para abaratar a liña AVANT. Pola contra, as forzas de obediencia estatal “votaron a favor na cámara galega e en contra no Congreso”.
Neste sentido, Presas sinala a necesidade de que Galiza conte, a partir do 23X cun Grupo Galego forte en Madrid que permita condicionar a política do Estado e conseguir o abaratamento da tarifa do AVANT de forma permanente. “A liña actualmente está bonificada para usuarios recorrentes mais é unha medida temporal e mesmo non afecta a usuarios que non sexan habituais. Polo tanto ten que facerse un abaratamento permanente e que teña un prezo digno” asevera.
“Se esta liña está incorporada na política de bonos deste momento foi porque, precisamente, foi o BNG quen conseguiu iso en Madrid cun só deputado” recorda Presas. O feito é que, no primeiro Real Decreto promovido polo Consello de Ministros, a liña do AVANT quedaba fóra destas bonificacións mais o BNG denunciou en diversas ocasións que fose incluída e o Goberno rectificou.
Alén do máis, a cabeza de lista defende o aumento dos horarios e frecuencias desta liña AVANT, así como das liñas que conectan a cidade co resto de vilas da circunscrición de Ourense, adaptando os horarios á realidade galega.