xerais 2023

Noa Presas: “Nestas eleccións, a única receita contra o abandono de Ourense é votar BNG"

Acto Celanova
Acto Celanova

Mellorar as comunicacións viarias da comarca, garantir a conexión de telefonía móbil e a fibra óptica en todo o territorio e o saneamento das augas fluviais, como medidas prioritarias para o BNG

“Hai representantes por Ourense que levan 23 anos no Congreso e non conseguiron nada para esta parte do País. Imos a Madrid para reverter a situación de abandono e desleixo” afirma a cabeza de lista

O Bloque Nacionalista Galego celebrou na vila de Celanova un encontro aberto coa veciñanza coa presenza da cabeza de lista ao Congreso, Noa Presas. Ante o abandono, das comarcas da Baixa Limia e a Terra de Celanova, por parte dos sucesivos gobernos do Estado –de PP e PSOE- a candidata nacionalista anima a cidadanía a “apostar polo BNG” nas vindeiras eleccións do 23X e comprométese a defender os intereses da vila, a comezar, por reverter a situación de despoboamento e reclamar proxectos estratéxicos pendentes como a construción da autovía entre Celanova e a fronteira con Portugal. Así mesmo, demandará levar a cabo actuacións para a restauración ambiental das augas, así como garantir a cobertura da telefonía e a fibra óptica, alén das medidas en materia de política social.

“Nestas eleccións, a receita contra o abandono de Ourense e, no concreto das comarcas das Terras de Celanova e a Baixa Limia, é votar BNG” comeza a cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense. Neste sentido, continúa Presas, sinala a falta de vontade do bipartidismo clásico de levar a cabo proxecto estratéxicos para estas comarcas. “Hai representantes por Ourense que levan 23 anos no Congreso e non conseguiron nada para esta parte do País. Nós imos a Madrid para reverter a situación de abandono e desleixo” asegura.

Entre as propostas da organización nacionalista nestas eleccións Presas destaca a necesidade de mellorar as comunicacións viarias das comarcas das Terras de Celanova e a Baixa Limia, sobre todo polo sur con Portugal. Alén do máis, fan fincapé en estabelecer os mecanismos axeitados que permitan garantir a conexión da telefonía móbil e a fibra óptica en todo o territorio “tamén no rural” como un dos elementos que permitiría fixar poboación nas zonas rurais máis envellecidas e que perderon máis poboación.

“O medio ambiente forma parte do ADN do BNG e a recuperación das ribeiras do Arnoia ao seu paso polos concellos da Merca, Celanova, Ramirás, Cartelle, Gomesende e Cortegada estará na axenda política” sinala Presas. Neste sentido, ademais de reclamar a transferencia á Galiza das competencias en materia hidrográfica, explica que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil debe acondicionar os espazos fluviais en consonancia cos valores ambientais e patrimoniais para posibilitar un uso público.

“Facer posíbel” o que nos din que é imposíbel

Por último, a cabeza de lista chama á veciñanza a confiar no BNG para que Ourense conte e poder facer historia tendo, por primeira vez, representación nacionalista por esta circunscrición. “O voto ao BNG é un voto que vale dobre porque serve para defender os intereses de Ourense e para parar a dereita” apunta.

“As cousas semellan imposibles até que as facemos posibles. Xuntos somos máis fortes do que pensamos e temos exemplos de sobra. Seguro que a todas as persoas que loitaban pola memoria histórica lles dicían que era imposible conseguir as exhumacións das vítimas e avanzar na reparación e fíxose” reivindica Presas.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG