Galegas 2020

Noa Presas: “É necesario un cambio político que dea un novo impulso a Valdeorras e ao sector vitícola”

Encontro Valdeorras

O BNG reúnese co sector vitícola da comarca de Valdeorras para escoitar a situación xurdida polo coronavirus e comezar a construír unha nova Galiza

Presas sinala que o BNG é a garantía dun goberno que defenda Valdeorras, o viño e peso político nun momento de cambios

 

A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, mantivo un encontro co sector vitícola da comarca de Valdeorras para escoitar as demandas do colectivo e coñecer a situación pola crise da COVID-19. Presas aposta por impulsar axudas directas para superar o impacto do coronavirus e apostar pola innovación atendendo ás necesidades derivadas do cambio climático. A formación nacionalista adiantou que defenderá o fomento dos contratos homologados, así como o apoio aos investimentos nos procesos de industrialización e comercialización dos produtos do sector.

Ao encontro presencial acudiron unha ampla representación do sector vitícola entre as que se atopaban o presidente do Consello Regulador, a Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras, etnólogas e consultoras, así como representantes de varias bodegas e produtoras. Durante a xuntanza o sector vitivinícola expuxo as demandas e os problemas que están tendo a día de hoxe coa crise da COVID-19.

Pola banda da organización nacionalista, ademais de recoller as demandas, dialogaron co sector medidas de curto e medio prazo co obxectivo de impulsar e fortalecer ao sector do viño e “convertelo en prioritario” na acción de goberno a partir do 12X. “É necesario que a Xunta de Galiza arbitre de forma inmediata axudas directas para superar o impacto do coronavirus e liñas de crédito a xuro cero para que as empresas e produtores poidan ter liquidez” propuxo a candidata do BNG.

“A partir do 12 de xullo é necesario un cambio político que dea un novo impulso a todo Valdeorras e ao sector vitivinícola. É a hora de deixar atrás problemas estruturais como a falta de medidas para a reestruturación do viñedo ou para a incorporación de novas produtoras” explicou Presas durante a xuntanza. Asemade, engadiu que “é vital” un plan de promoción de novas incorporacións e que a Xunta negocie co goberno central a revisión dos criterios de dereitos de plantación para corrixir as deficiencias actuais.

Por outra banda, a candidata do BNG destacou que para a súa formación é fundamental o apoio aos investimentos no proceso de industrialización e comercialización “especialmente para as pequenas adegas e a súa internacionalización”. Así mesmo, prometeu impulsar a partir do 12X, dentro do Banco de Terras, medidas específicas “que fomenten o arrendamento a longo prazo de superficies para o cultivo de vide e disparar o potencial de Valdeorras”.

A formación nacionalista comprometeuse a pular pola innovación para atender ás necesidades derivadas do cambio climático, así como un financiamento específico con medidas de reestruturación de viñedo, atendendo de maneira especial aos proxectos singulares da agrupación de viñedos.

Un BNG á fronte da Xunta para potenciar a comarca de Valdeorras

“Precisamos este cambio político este 12X no que o BNG sexa determinante porque somos a garantía dun goberno que defenda Valdeorras, que defenda o viño e que estea vixiante nun momento de cambios diante da inminente reforma da OCM do viño no ámbito europeo” insistiu a candidata, Noa Presas. Recalcou que Ourense e a comarca de Valdeorras non se poden permitir outros once anos de goberno de Feijóo á fronte da Xunta de Galiza “como aconteceu coa crise do pedrazo”.

Co BNG no goberno, segundo concluiu Presas: “non permitiremos este  abandono e garantiremos que partes do país coma esta teñan o desenvolvemento que se precisa”.