Noa Presas: “É hora de que Ourense comece a gañar e iso pasa por confiar no BNG este 23X”
O BNG presenta un decálogo de compromisos e prioridades para as comarcas de Ourense confiando no “voto 2x1” que representa o BNG: frear a dereita e defender os intereses de Ourense
Noa Presas chama “as persoas que queren Ourense e pensan que merece máis” a concentrar o voto no BNG para “facer historia” e sacar, por primeira vez, representación por Ourense
A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, presenta -xunto con membros da candidatura e representantes institucionais da formación nacionalista nos concellos, Deputación Provincial e Parlamento Galego- un decálogo de compromisos e prioridades para as comarcas de Ourense. Dez puntos que a organización nacionalista levará a Madrid a partir do 23 de xullo “para que Ourense deixe de perder e comece a gañar” a través dun Grupo Galego forte con representación tamén por Ourense. Presas chama a concentrar o voto das persoas que queren Ourense e pensan que merece máis para “rematar co abandono que sofre por parte do bipartidismo clásico”.
“Se en Galiza temos unha parte do País con peores índices económicos ou demográficos, como en Ourense, non é casualidade senón que é froito das decisións políticas que marxinan a esta parte do territorio” denuncia a cabeza de lista do BNG. Neste sentido, a formación nacionalista presenta un decálogo de medidas prioritarias para Ourense co obxectivo de garantir a igualdade territorial, unha batería de compromisos e prioridades para solucionar os problemas da cidadanía das comarcas de Ourense que Noa Presas se compromete a defender coa súa entrada no Congreso.
“Chamamos a todas as persoas que queren Ourense e que pensan que esta parte do País merece máis a que confíen en nós estas eleccións porque somos unha organización coas mans libres para defender os intereses dos e das ourensáns” sinala Presas. En contraposición, engade, atópanse os partidos de carácter estatal –o “bipartidismo clásico”- que votan unha cousa en Galiza e a contraria en Madrid: “hai que rachar co bipartidismo e apostar polas forzas propias”.
En opinión da candidata do BNG, é o momento de facer que Ourense “saia do abandono do que o bipartidismo clásico o sumiu. É hora de que Ourense comece a gañar e iso pasa por confiar no BNG este 23X, un voto 2x1 porque serve para frear a dereita e para defender os intereses de Ourense”. Segundo explica, o BNG está disputando o último escano co Partido Popular e incide na idea de que “cada escano máis do BNG é un escano menos do PP” lembrando que nas pasadas eleccións galegas a organización nacionalista quitou o último escano tamén á formación conservadora.
Condicionar a política estatal para que Ourense gañe
Dentro do decálogo de prioridades, a formación nacionalista presenta a “Estratexia integral Ourense 2050” para que Ourense teña a oportunidade de liderar a resposta á crise climática a través da investigación e a prevención para adaptarse aos cambios no medio ambiento, en como afectan ao sector agrogandeiro e á saúde das persoas. Alén do máis, tendo en conta o liderado actual de Ourense na gran hidráulica, Presas aposta por someter a enerxía de Ourense ao servizo da sociedade: “precisamos garantías medioambientais e ordenación da eólica e fotovoltaica, un beneficio directo para empresas e a cidadanía a través dunha Tarifa Eléctrica Galega e a creación dunha empresa pública galega de enerxía”.
Por outra parte, Presas sinala a anomalía que supón “que decidan sobre os ríos de Ourense a 500 quilómetros” e provoca “abandono e ineficiencia”. “Precisamos transferir as competencias do Miño Sil e da bacía do Támega, un plan de saneamento para acabar coa contaminación das augas e poder planificar a xestión nun contexto no que os episodios de seca son cada vez máis frecuentes” demanda.
En materia de infraestruturas, a cabeza de lista demanda un tren digno para o interior do País. “É preciso vertebrar as comarcas de Ourense e conectarnos coas cidades galegas, mesmo modernizando aliña do Miño entre Vigo-Ourense-Valdeorras e Ourense-A Gudiña, así como ampliar frecuencias, horarios e servizos e abaratar o AVANT” apunta Presas. No relacionado coas viarias, a fronte nacionalista demandará estradas seguras e cumprimento coas conexións pendentes: “AP-53 sen peaxes; acabar coa A-76 e a autovía a Lugo, garantindo a conexión co Carballiño; reparación integral de todas as estradas estatais, todas elas con problemas de seguridade viaria, especialmente a N-120; e completar as obras do Corredor Atlántico de Mercadorías” enumera. Alén das infraestruturas que conectan as comarcas de Ourense co resto do País, o BNG tamén aposta por conectar Ourense e Portugal por estrada e por tren.
“Para compensar o déficit histórico en investimentos é precisa unha discriminación positiva nos Orzamentos do Estado, tamén nos fondos europeos para impulsar a industria e a conectividade” sinala Presas mentres denuncia que aínda a día de hoxe haxa zonas sen cobertura, nin sequera telefónica. “Ourense non pode perder a oportunidade dos fondos europeos para a reactivación económica en tres sentidos: impulso industrial, conectividade e reforzo do Campus para a investigación” afirma.
De entre as propostas do BNG, sinalan a necesidade de adaptar a PAC á realidade do sector primario ourensán para que deixe de estar discriminado e “hai que solucionar no ámbito vitivinícola dúas cuestións moi importantes: os dereitos de plantación para facilitar a incorporación de novos produtores e que as axudas se adapten á nosa realidade”.
No marco das políticas sociais, Noa Presas defende a suba das pensións mínimas até 60% do Salario Medio e que o Estado transfira os máis de 2.000 millóns de euros que debe en cumprimento da Lei de Dependencia. “Apostamos por un Ourense feminista, que loite contra a violencia machista na cidade e, por iso, defendemos a creación dun xulgado exclusivo” conclúe.