Noa Presas: “Hai máis de 16.000 ourensáns con traballos por menos de 166 euros ao mes”
- Noa Presas denuncia a precariedade do emprego e lembra que o 33% da poboación activa en Ourense -a que está en desemprego ou con salarios de miseria- vive en situación obxectiva de exclusión social.
- O BNG subliña que a Renda de Garantía Social impedirá que ningún fogar fique sen ingresos e permitirá a subsistencia de desempregados e traballadores precarizados.
O BNG denunciou esta mañá ante a oficina de emprego do barrio da Ponte a precariadade do emprego en Ourense e o abandono das persoas en situación de desemprego e xa sen ningún tipo de cobertura. O BNG avanzou que a primeira medida que debe poñer enriba da mesa un goberno alternativo ao PP será unha Renda de Garantía Social, que impida que ningún fogar fique sen ingresos e que todas as galegas e galegos desfruten dun mínimo vital de subsistencia.
“O 20% dos asalariados da provincia de Ourense non alcanzan os 2.000 euros ao ano de ingresos, son datos da Axencia Tributaria española que dan razón do que está sucedendo no emprego: unha precarización absoluta do traballo. Estamos falando de 166 euros ao mes, que non chegan para facer a compra”, denunciou Noa Presas, e lembrou que o limiar da pobreza no Estado, segundo a estimación oficial, está nos 8.011 euros anuais.
Presas insistiu en que ter un traballo non garante hoxe en día a mera subsistencia e recoñeceu que recuperar o emprego levará tempo. Definiu a situación de emerxencia vital na que se atopa Ourense cos seguintes datos: “O 33% da poboación activa da provincia está en situación obxectiva de exclusión social, non se trata só de xente en desemprego, senón tamén desde 16.000 ourensáns con traballos por menos de 166 euros ao mes”.
Ademais da Renda de Garantía Social, o BNG avanzou esta mañá outras propostas para combater os problemas do desemprego. Noa Presas explicou que un goberno alternativo ao do PP deberá “rescindir os contratos coas empresas que non cumpran a igualdade salarial e laboral entre homes e mulleres, e incluír nos pregos de contratación garantías laborais e límites ás subcontratacións e ás empresas de traballo temporal”. Tamén subliñou que deberá “apoiar a constitución de cooperativas e promover a formación en materia de economía social”. En calquera caso, Presas salientou que a inversión pública para “a reposición de mestres e persoal sanitario que foi eliminado nos últimos oito anos” será determinante para impulsar unha recuperación do emprego, “emprego de calidade con salarios e condicións dignas”, en todos os sectores.