Galegas 2020

Noa Presas fai o último chamamento a “votar con ilusión” concentrando os votos do cambio no BNG

Ourense
A candidata sinala que Ourense será unha praza determinante onde o Partido Popular perderá a maioría absoluta

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, acompañada por membros da candidatura, militancia e simpatizantes pediu concentrar o voto na súa formación por última vez durante esta campaña electoral para o vindeiro 12X. Presas resumiu estes quince días como unha “campaña cargada de ilusión” acudindo a todas as localidades ás que lle foi posíbel acudir.

Noa Presas, a candidata polo BNG en Ourense, valorou a campaña electoral ao longo de todas as vilas e localidades da circunscrición. “Malia as circunstancias e malia todos os problemas relacionados co coronavirus soubemos adaptarnos e desenvolver unha gran campaña ao longo de todo Ourense” afirmou Presas. Así mesmo, indicou que a formación nacionalista puxo enriba da mesa “todas as necesidades que ten Ourense para este fin de ciclo”.

O BNG aproveitou para facer un chamamento á mobilización e á participación para que “todas as persoas de Ourense acudan a votar porque o que decidamos o próximo domingo vai ser determinante”. A cabeza de lista indicou que se decide tamén “se temos unha saída xusta a esta crise” do coronavirus.

Presas apelou a “toda esa xente moza, comprometida e rebelde” un perfil que está achegándose aos actos do BNG por todo o país nesta campaña electoral. “É fundamental que esa mocidade poida decidir e por iso é necesario que acudan a votar este próximo 12X” explicou ademais de recalcar que “non pode quedar nin un só voto polo camiño, nestas circunstancias”.

“Apelamos a que todas esas persoas que pensan que Ourense merece máis e que Galiza merece un cambio, concentren a súa opción na papeleta do BNG. Concentrando o voto no BNG conseguiremos incrementar e transmitir ás urnas esa corrente de simpatía que estamos percibindo” engadiu Presas. Así mesmo, concluíu reafirmando a convicción de que Ourense será unha praza determinante onde o Partido Popular se xoga a maioría absoluta.