Noa Presas: “Esixiremos unha revisión do canon da auga para que non se siga cargando de impostos aos veciñ@s”
- “A ordenación territorial de base comarcal servirá para potenciar os servizos comarcais que presta a Xunta e ir prescindido paulatinamente das Deputacións”
- A cabeza de lista do BNG por Ourense ao Parlamento Galego participou na presentación dos compromisos do Bloque para abrir un tempo novo tamén nos concellos
“O BNG esixirá unha revisión do canon da auga para que non se siga cargando de impostos aos veciños”, advertiu Noa Presas, cabeza de lista do BNG por Ourense ao Parlamento Galego, esta mañá ao remate dun acto con responsables municipais do partido en Compostela. Presas recordou que a taxa, introducida no 2012 por Feijóo, incrementou a factura dun servizo esencial, e indicou que a xestión comunal que xa se dá en algunhas parroquias galegas demostra que a medida do PP tivo a finalidade de recadar máis impostos, coma no caso do catastrazo.
Presas engadiu que as propostas do BNG para aumentar os recursos propios dos concellos galegos -a través, entre outras iniciativas, da asunción por parte da Xunta do reparto dos fondos PIE con criterios axustados á realidade galega- permitirá reducir as taxas coma a da auga e “desenvolver políticas de rehabilitación de vivendas cun dobre propósito: facilitar o acceso a vivenda en todos os concellos e fixar poboación tamén no rural”.
O BNG presentou esta mañá as súas propostas para devolver a autonomía aos concellos galegos e ordenar o territorio superando o marco provincial. Os compromisos do Bloque, avanzados por Ana Pontón, candidata á Presidencia da Xunta, pretenden “construír concellos vivos, onde vivir e traballar”.
Respecto a ordenación do territorio, Noa Presas dixo que servirá tanto para mellorar os servizos comarcais responsabilidade da Xunta como para recuperar os niveis de prestación dos servizos sanitarios e educativos nos concellos. “A ordenación territorial de base comarcal servirá para potenciar os servizos comarcais que presta a Xunta e ir prescindido paulatinamente das Deputacións”, subliñou a candidata, que esta tarde concluirá a quenda de asembleas preparatorias das eleccións coa xuntanza coa militancia de Ourense.