Noa Presas: “A enerxía galega debe estar baixo control público galego”
O BNG reclama reverter as concesións das hidráulicas, transferilas a Galiza e crear unha empresa pública galega de enerxía, así como a aplicación inmediata dunha Tarifa Eléctrica Galega como País produtor excedentario de enerxía eléctrica
“Ourense ten unha enorme potencia hidráulica, tendo máis do 50% da gran hidráulica, que debe servir para crear emprego e para fixar poboación aquí” defende Presas
A cabeza de lista ao Congreso do BNG por Ourense, Noa Presas, presentou as propostas da frente nacionalista en materia de enerxía acompañada polo portavoz municipal do BNG no Concello do Pereiro de Aguiar, Rubén García. A organización nacionalista defende a necesidade de que Galiza teña unha Tarifa Eléctrica Galega, por ser un país produtor excedentario de enerxía eléctrica, que permita beneficiar a cidadanía e faga que as empresas galegas sexan máis competitivas. Alén do máis, reclama a reversión das concesións das hidráulicas para polas baixo control público a través da súa transferencia a Galiza e a creación dunha empresa pública e galega de enerxía.
“Hoxe estamos na presa de Castadón, un exemplo de como o Goberno central desaproveitou unha oportunidade de ouro para reverter para o sistema público as concesións hidroeléctricas” sinala Presas. En 2017 caducou a concesión da presa de Castadón e, no canto de pola baixo control público, volveuse sacar a concurso privado. “Defendemos a transferencia de todos as hidroeléctricas galegas á Galiza para poder constituír unha empresa pública galega de enerxía” afirma.
A participación pública directa no sector enerxético, explica Noa Presas, é algo normalizado na contorna europea mais o Estado español “deuse para atrás polas conexións do PP e o PSOE coas eléctricas, de Aznar a González”. Así mesmo, ironiza coa situación actual do Estado español e coa Galiza “onde hai empresas públicas italianas ou norueguesas decidindo que se fai e que se deixa de facer co sol ou co vento galego”.
Alén do máis, no caso de Castadón, engade a candidata do BNG tamén se perdeu ocasión de revisar as cláusulas das concesión e “incorporar cláusulas sociais, ambientais ou económicas en favor dos territorios produtores” como o caso de Galiza e, no concreto, de Ourense.
De facto, Galiza exportou en 2022 o 40.5% da electricidade xerada, producindo e encabezando este sector no Estado español. De facto, segundo os últimos datos fornecidos pola Rede Eléctrica de España (REE), Galiza produciu 14.525 GWh (64,4%) a través de fontes renovábeis, máis da metade a enerxía total producida.
Tarifa Eléctrica Galega: por coherencia e xustiza
“Galiza é produtora excedentaria neta de enerxía eléctrica e, de forma concreta, Ourense ten unha enorme potencia hidráulica tendo máis do 50% da gran hidráulica. Pola contra, isto non serviu até o de agora para crear emprego en Ourense e para fixar poboación” denuncia a cabeza de lista do BNG por Ourense. Ante esta situación, Noa Presas defende a proposta da organización nacionalista para que se comece a aplicar “unha Tarifa Eléctrica Galega”.
Esta demanda do BNG contribuiría a que, a través do abaratamento das peaxes, os galegos e as galegas tivesen unha tarifa máis baixa e, polo tanto, “poidamos ser máis competitivos e competitivas” e tamén ter máis xustiza social. “Non é de xustiza que, sendo Ourense unha potencia eléctrica haxa persoas que non poidan pagar a factura da luz” reivindica Presas.