Noa Presas desbota as Contas do PP porque deixan atrás a quen máis o precisa e premian as eléctricas e a quen especula coa vivenda
A portavoz de Facenda do BNG, sobre o “propósito de emenda” e os anuncios do Executivo de Rueda: “Isto non o cre nin o apuntador”
Asegura que os Presupostos do PP están na práctica conxelados e suporán máis recortes porque nin tan sequera compensan o incremento da inflación
A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, acusou ao Goberno do PP de presentar na Cámara uns Orzamentos que, na práctica, están conxelados e afondarán nos recortes porque, segundo destacou, o aumento do gasto non financeiro do 2,5 % “nin sequera compensa a inflación”, que foi dun 2,9 %. “Soben 344 millóns cando serían necesarios 384, pero é que a maior parte desde incremento vai para o pago da débeda, que aumenta 240 millóns”, censurou.
A deputada nacionalista criticou así a “falta de credibilidade” das contas presentadas polo Executivo de Rueda “que finxe facer propósito de emenda en ámbitos como o da vivenda, o do investimento ou o enerxético” cando en realidade deixan atrás a quen máis o precisa mentres mantén unha política fiscal que “mantén as prebendas” para “a minoría máis rica”. “Favorecen aínda máis a especulación co lobby eléctrico e incorporan a especulación do lobby urbanístico e do lobby da vivenda”, apuntou en alusión ás medidas que se incorporan este ano na Lei de Acompañamento.
Durante o debate sobre os Orzamentos na Comisión 3ª, Presas ironizou co “modelo Galiza” do PP, que segundo dixo, é só un “reestyling” da proposta orzamentaria de sempre, “como cando unha marca de refresco cambia o seu logotipo pero non cambia ningún ingrediente”. “Cando nos prometen grandes cambios a favor das maiorías sociais, na vivenda ou na enerxía, iso non o cre nin o apuntador”, afirmou parafraseando ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices.
Afondando nesta cuestión, criticou que o Goberno de Rueda presuma de ter o gasto social máis alto da historia cando máis dun cuarto da poboación, segundo o informe da Rede Galega contra a Pobreza, vive en risco de pobreza ou exclusión social e, malia iso, o Executivo recorta no programa de inserción social, suprime o complemento autonómico do bono social térmico e baixa a partida das pensións non contributivas, “que quedan en 8 millóns de euros raquíticos”.
Incidiu que, pola contra, o Executivo de Rueda anuncia “agasallos fiscais” para fondos de investimentos, como as bonificacións para quen merque unha vivenda e a poña en alugueiro, que serán só para quen adquira o inmoble concreto. No mesmo sentido, criticou que o PP limite só a vivenda de protección pública a cualificación de permanente, o que vai permitir que quen faga unha vivenda protexida en aluguer reciba subvencións de até o 50 % do custe da construción, que en 15 anos se descualifica e pasa a ter valor de mercado, explicou.
Presas criticou, por outra banda, a ausencia de credibilidade que introduce nas Contas presentadas polo conselleiro de Facenda a falta de execución das partidas orzadas. Como exemplo disto, referiuse ao incumprimento “sistemático” en materia de vivenda, ámbito no que se deixaron sen executar 124 millóns de euros, o 68 % do previsto, entre os anos 2019 e 2023. En investigación, engadiu, nos últimos quince anos o Executivo de Rueda non executou case 212 millóns, o 30 % dos cartos presupostados.
“As contas do 2025 non deixan de ser as contas dun goberno conformado con seguir relegando a capacidade de goberno deste País, un goberno que segue abonado á desregulación, á privatización dos servizos públicos e ao modelo económico baseado no espolio dos nos recursos, sen unha folla de ruta clara para apostar nin polos sectores produtivos nin por ámbitos estratéxicos”, resumiu Presas.
Soltar amarras con Génova
A portavoz nacionalista de Facenda aproveitou o debate orzamentario para reclamar ao Goberno do PP que “rompa as amarras que teñen con Génova e coas directrices estatais do seu partido” para negociar “con firmeza e directamente” co Estado un novo sistema de financiamento que atenda os intereses dos galegos e as galegas e para aceptar a quita da débeda que negociou o BNG no pacto de investidura.
Noa Presas subliñou ao respecto que o actual sistema de financiamento prexudica a Galiza, tal e como ten constatado o Consello de Contas, que cifra en máis de 1.500 millóns de euros os recursos que se perden cada ano, unha cifra que -engadiu- “é máis do que hoxe supón a Consellería de Política Social como partida de gasto”.