Noa Presas denuncia a incapacidade do PP para acabar coa estafa da tarifa do Avant en Ourense
Máis dun ano despois, non logrou reducir o prezo do billete no traxecto Ourense-Santiago-A Coruña, nin mellorar os abonos, nin os horarios
A deputada por Ourense, Noa Presas, deixou en evidencia a incapacidade da Xunta para dar unha solución aos problemas do transporte por tren que soporta a veciñanza de Ourense, tras constatar a total falta de logros por parte do Executivo de Feixóo en relación ao acordo que, a proposta do BNG, aprobou o Parlamento fai 15 meses.
Ese acordo unánime da Cámara reclamaba unha redución do prezo do billete de tren AVANT no recorrido Ourense-Santiago-A Coruña, que chega a costar un 60% máis que outros traxectos similares en distancia, ampliar os horarios do servizo do transporte ferroviario e reformular os termos dos abonos do tren para que supoña unha opción de aforro real para as persoas usuarias.
“Acabar co abuso económico da liña AVANT entre Ourense-Santiago- A Coruña é unha cuestión de vontade política, non se trata de novas obras ou infraestruturas, senón dunha decisión política que pase por ter un tren cunha tarifas xustas”, salientou a deputada ourensá.
“Antes gobernaba Raxoi agora Sánchez pero coa mesma discriminación a Galiza e a Ourense, ademais de constatar o pouco peso político do Goberno de Feixóo que nin con goberno amigo foi capaz de facer valer esta demanda unánime do Parlamento ante o Executivo central”, indicou.
É máis, Presas denuncia que lonxe de avanzar, a veciñanza de Ourense ou as persoas que fan a ruta do AVANT cara ou desde a cidade das Burgas está peor. De feito, o incremento das tarifas entre Santiago a Ourense foi de 1.10€, mentres que a subida entre no traxecto de Santiago-A Coruña foi de 25 céntimos, “un aumento estratosférico, tres veces máis que no resto do país, porque estamos falando do mesmo tren e da mesma infraestrutura”, recalcou a deputada.
“Renfe e ADIF seguen ganando mentres Ourense perde, segue aumentando os títulos de transporte, o número de viaxeiros e os beneficios económicos con 6,36 M€. Non estamos falando dunha liña deficitaria”, argumentou Presas quen instou ao Goberno da Xunta “a facer valer a posición de Galiza neste asunto”.