Noa Presas critica uns orzamentos baseados na inercia, ao servizo de grandes intereses empresariais e que ancoran Galiza no pasado
A deputada acusa ao PP de disfrazar de sociais unhas contas que non nin soben as axudas conforme ao IPC nin compensan os recortes en Atención Primaria
Considera un “escándalo democrático” que a Xunta intente sortear a legalidade sobre os parques eólicos cos “cambios pola porta de atrás” na Lei de Acompañamento
A deputada do BNG Noa Presas acusou hoxe ao Goberno do PP de presentar un proxecto de Orzamentos “baseados na inercia, ao servizo dos grandes intereses e que ancoran a Galiza no pasado”. Unhas contas que, dixo, son “publicidade enganosa”, nas que “a proposta de ingresos é mala, e a proposta de gasto, peor”.
“Ante un contexto que segue a ser excepcional, temos uns orzamentos rutineiros e en piloto automático”, considerou Noa Presas que, no que se refire aos ingresos, tachou as contas de “raquíticas”, pois o seu aumento non vai en proporción á inflación. “Só para compensar a subxacente serían necesarios 208 millóns de euros”, apuntou.
Con estes orzamentos Galiza perde ademais capacidade de actuación, xa que a “política fiscal antisocial do PP” e os “beneficios aos máis ricos” implican a perda de arredor de 500 millóns de euros “que poderían financiar medidas como a subida das pensións non contributivas”.
En relación aos ingresos, subliñou tamén o “marco centralista e inxusto” que supón un sistema de financiación insuficiente asinado no seu día por Feijóo e que o PP segue sen cuestionar, asumindo a volta ao marco do déficit “cando neste momento excepcional tiña que estar pedindo ao Estado e a UE a prórroga da flexibilización”.
A deputada acusou á Xunta do PP de disfrazar as contas de sociais cando, en realidade, nin se compensa o recorte acumulado en Atención Primaria (2.000 millóns de euros) nin soben as axudas sociais confirme ao IPC. Tampouco é certo, engadiu, a débeda cero “que vende o PP” porque aumentan os gastos financeiros un 71,5 % e supón 189 millóns de euros menos para servizos públicos. “Por non falar de que triplicaron a débeda e neste primeiro trimestre do ano chegou ao seu pico máis alto”, agregou.
O BNG bota en alta ademais unha aposta real pola I+D+i e un novo modelo produtivo. Segundo expuxo Presas, a Consellería de Industria perde orzamento, os investimentos reais non soben o suficiente o plan galego de innovación sofre na práctica un recorte pois a súa partida increméntase só un 0,5 %, sen cubrir tan sequera o IPC.
Presas salientou, por outra banda, que o propio informe financeiro asume a falta de transferencia real dos fondos europeos e a ralentización económica. E anticipou que, “mesmas receitas, mesmos resultados”.
Alfombra vermella ao lobby enerxético.
Nunha rolda de prensa convocada para valorar os proxecto de Presupostos que inicia agora a tramitación parlamentaria, Presas criticou ademais a “fraude democrática” que supón de novo a Lei de Acompañamento, un “cabalo de troia” nestas contas que a Xunta volve utilizar para cambiar pola “porta de atrás” leis que nada teñen que ver cos orzamentos, “da pesca aos incendios pasando polo patrimonio”.
“Modifican 32 leis e 11 decretos para poñer a alfombra vermella ao lobby enerxético e cambiando leis como a de economía, eólica o a da minería”, subliñou para salientar logo que a fraude supera este anos todos os precedentes “pola profundidade e gravidade dos cambios”. Aludiu, neste sentido á nova regulación industrial “sen audiencia pública, sen informes sectoriais e sen participación do Consell0o Económico e Social”.
Explicou que o PP utiliza os Orzamentos para, “pola vía dos feitos”, poñer enriba da mesa unha nova lei de industria e “saltar por riba todas as normas declarando todo proxecto eólico nomo de intereses público superior”. “Isto supón facer saltar polos aires un marco legal que xa estaba dando moitos problemas, pasar por riba dos concellos, da resposta cidadá e da prevalencia das cautelas ambientais que establecen a propia normativa galega, estatal ou europea”.
O BNG esixirá a retirada destes cambios, cos que a Xunta do PP intenta “sortear” as sentenzas do TSXG contra a instalación dalgúns parques eólicos. “É un escándalo antidemocrático e una mostra máis de que goberno de Rueda está en tempo de desconto, nervioso e quere deixar atado e ben atado”.
Un cambio en favor da maioría
Presas anunciou que o BNG pedirá a devolución do proxecto de Orzamentos e aproveitará o trámite parlamentario para amosar mediante emendas ambiciosas que ten un proxecto político e que é posible o camiño para a Galiza que vén. “O camiño para o cambio galego é posible, un cambio que permita nos próximos meses aplicar outra política económica ao servizo de Galiza e das maiorías sociais”, concluíu Presas.