Noa Presas: “Concentrar o voto no BNG é quitarlle o último escano ao PP”
Noa Presas sinala que este 23X “pode ser posible o que moitos din que é imposible -como nos dixeron cando queiran pechar a sala de partos en Verín- porque cos votos das galegas e das municipais o BNG tería representación en Madrid por Ourense”
“É a hora de facer historia e ter, por primeira vez, representación nacionalista no Congreso por Ourense coas mans libres para defender os intereses desta parte do País” apunta
A cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense, Noa Presas, participa nun encontro aberto coa veciñanza de Verín onde chama a concentrar o voto no BNG para “quitarlle o último escano ao PP”, un fito histórico que serviría tamén para defender os intereses da comarca de Monterrei en Madrid con cuestións como o arranxo da A-52 e a construción do enlace na Mezquita, un maior vínculo con Portugal, rematar coa discriminación que sofre o sector primario ourensá no reparto das axudas da PAC ou estender a rede de fibra óptica en Verín, entre outras. Así mesmo, incide na necesidade de que “ninguén que queira avances sociais e mellorar a vida dos e das ourensáns pode quedar na casa este 23 de xullo”.
“Dixéronnos que era imposible que se reabrise a sala de partos de Verín mais conseguímolo. Este 23 de xullo temos a oportunidade de facer historia e de facer posible o que moitos din que é imposible: ter representación nacionalista no Congreso por Ourense” apunta Noa Presas. De facto, segundo explica a cabeza de lista, cos resultados das eleccións galegas ou das pasadas municipais, o BNG conseguiría “quitarlle o último escano ao Partido Popular”.
Neste sentido, a organización nacionalista chama a concentrar o voto no BNG nestas eleccións na papeleta do BNG, un “voto dobre” que servirá para “frear a dereita e facer valer os intereses da cidadanía das comarcas de Ourense”.
No concreto, para a comarca de Monterrei, Presas comprométese a impulsar a creación do enlace da autovía A-52, dirección Madrid, ao seu paso polo termo municipal da Mezquita, así como o arranxo integral do firme. “A creación deste enlace permitirá mellorar os índices de accesibilidade, capacidade e seguridade vial” engade. Outra das preocupacións da fronte nacionalista é o Plan Director do Támega, alén de reclamar a transferencia da xestión da sub-bacía a Galiza, para recuperar e protexer os recursos hídricos de Ourense.
E, ademais das conexións viarias, Presas demandará a extensión da Rede de Fibra Óptica en todo o termo municipal de Verín, sobre todo nas zonas máis rurais, así como garantir unha maior comunicación e vínculo co país veciño. “Hai que lembrar que PSOE continúa incumprindo o punto do Acordo de Investidura que recollía a recepción en Galiza das radios e televisións de Portugal” destaca.
Por outra parte, a cabeza de lista do BNG sinala a necesidade de subir as pensións mínimas “e igualalas ao Salario Mínimo Interprofesional” o contribuiría a superar a fenda territorial e mesmo a de xénero porque, segundo os datos, as mulleres son as que perciben a pensión mínima en maior porcentaxe. “Se un pensionista de Ourense xa cobraba menos antes que un pensionista medio doutra parte do Estado, e que agora por riba, a medida que foron subindo os prezos, empobreceuse aínda máis” apunta.