Galegas 2020

Noa Presas comprométese a garantir políticas socias que non sexan castigadas pola crise económica do coronavirus

discafis
A formación nacionalista quere promover a creación dun Consello Galego de Persoas con Discapacidade como “órgano de encontro entre administración e colectivos” para acadar obxectivos

O BNG de Ourense mantivo unha xuntanza por videoconferencia con colectivos de DISCAFIS-COGAMI para escoitar a súa situación e demandar unha liña de financiamento estable para o asociacionismo de discapacidade e enfermidades crónicas. A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, garantiu que a partir do 12X non existan políticas socias castigadas pola crise económica xurdida pola COVID-19.

Á xuntanza telemática acudiron colectivos de DISCAFIS-COGAMI como a Asociación de Dano Cerebral Adquirido de Ourense RENACER, ACCUU Ourense, Aixiña, ALCER, AFFOU, AODEM esclerose múltiple e párkinson. Durante a reunión a organización política e os diferentes colectivos constataron que durante a crise do coronavirus “se agravaron problemas estruturais como a inestabilidade económica, a dificultade de manter o persoal e a falta de diálogo da Xunta de Galiza como evidencia a incerteza” respecto a apertura ou non  dos Centros de día e a falta dun plan de desescalada para a discapacidade.

Pola banda dos colectivos fixeron fincapé no agravamento da saúde física e emocional de moitas usuarias e puxeron especial atención en aquelas con enfermidades neurodexenerativas. Así mesmo, destacaron a soidade que moitas usuarias sentiron ao longo do estado de alarma e a fenda dixital de moitas persoas maiores engadida á dificultade de moitas familias para conectarse telematicamente.

A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, fixo fincapé en conseguir liñar de financiamento estábeis “xa que á inestabilidade que sofre o sector engádese o encarecementos dos custes ao necesitar incrementar a atención ambulatoria e adaptar os transportes ás medidas de seguridade”.

Presas tamén prometeu establecer canles de diálogo permanente e colaboración “coas entidades que traballan no ámbito de atención e integración das persoas con diversidade funcional” para definir conxuntamente “as liñas de actuación e lograr os obxectivos propostos”. Destacou que o BNG pulará pola creación dun Consello  Galego de Persoas con Discapacidade “como órgano paritario de encontro e debate sobre as políticas públicas de diversidade funcional entre a administración galega e as entidades que traballan no ámbito”.