Noa Presas chama á participación e mobilización o 12X na vila do Carballiño “para que haxa cambio galego”
O BNG comprométese a poñer a pleno rendemento a residencia pública do Carballiño e apostar pola construción dun novo Centro de Saúde
Para Presas, un BNG forte no goberno e liderando o cambio significa unha aposta “pola sanidade pública”
A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, participou nun encontro coas veciñas e veciños do Carballiño na emblemática praza da Veracruz. Presas chamou á mobilización para que o vindeiro 12 de xullo sexa posíbel o cambio político en Galiza e “facer historia coa primeira muller presidenta da Xunta de Galiza, Ana Pontón”. Paralelamente, comprometeuse a atender as demandas da veciñanza da vila poñendo en marcha e ao 100% a residencia pública de maiores.
Durante o encontro, no que tamén interviñeron a voceira municipal do BNG na vila, Sofía García, e o candidato e ex alcalde de Allariz, Paco García, a cabeza de lista indicou que o Partido Popular “está nervioso” porque sabe que “o medre do BNG este 12X en Ourense significa que perda a maioría absoluta tras once ano de abandono”. Presas continuou trasladando a ilusión polo cambio galego afirmando que “cun BNG liderando o cambio galego, Ourense deixará de estar illado”.
“Esta residencia é un exemplo de como o Partido Popular estivo traballando a prol da privatización dos servizos públicos, facendo negocio dun aspecto tan fundamental como é o dereito a unha vellez digna” recalcou Presas.
Mobilización para o vindeiro 12X
Así mesmo, a candidata chamou á participación e á mobilización o día das eleccións e concentrar o voto no BNG “unha forza sen máis ataduras que a defensa dos intereses dos e das galegas”. Presas fixo tamén un chamamento á cidadanía que aínda, a día de hoxe, está indecisa: “temos un Ourense que non se resigna e será máis forte o vindeiro 12X para lograr mudar as cousas”.