Galegas 2020

Noa Presas chama á participación das persoas “comprometidas, vivas e dinámicas” de Ourense para avanzar o vindeiro 12X

Acto Xinzo de Limia
Acto Xinzo de Limia

A candidata amosa o seu agradecemento a Compromiso por Maceda por sumarse ao proxecto do BNG para os vindeiros comicios

A formación nacionalista visita a capital da Limia onde anima a mobilizarse para conseguir un cambio galego liderado por Ana Pontón

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, participou en encontros coa veciñanza de Maceda e Xinzo da Limia. Presas chamou á mobilización e á participación das persoas máis comprometidas cos dereitos e os servizos públicos para o vindeiro 12X e facer posíbel o cambio galego en Galiza. Así mesmo, durante o encontro coas veciñas de Maceda, a candidata agradeceu a colaboración de Compromiso por Maceda que se implicou na campaña da formación nacionalista apoiando publicamente a candidatura que encabeza.

Durante o encontro coas veciñas de Xinzo de Limia, a cabeza de lista destacou que o vindeiro 12X “xogámonos o futuro de Ourense”, por iso apelou á mobilización e a participación de todas as persoas “que non se resignan. Hai moitas persoas que pensan que Ourense merece máis”. Presas fixo un chamamento a todas aquelas persoas comprometidas cos dereitos e os servizos sociais e que queren “un Ourense vivo e dinámico”.

“Se concentramos o voto do cambio na papeleta do BNG, o cambio galego será imparábel e Galiza terá a primeira presidenta da nosa historia e un goberno galego sen máis ataduras que a defensa dos intereses das galegas e galegos” sinalou Presas durante a súa intervención. Así mesmo, a cabeza de lista indicou que o PP atópase “nervioso e debilitado” con moitos frontes abertos a día de hoxe na circunscrición de Ourense e con “moitas feridas sen pechar” exemplificándoo na sala de partos de Verín e o Centro de Saúde de Albarrellos.

Para Presas “é o momento de rematar co espolio que padeceu Ourense tras once anos de Partido Popular e mellorar a calidade de vida e benestar de todos os galegos e galegas”. Asemade, a cabeza de lista mostrouse como a alternativa a once anos de Partido Popular.

Sumando apoios na corrente de simpatía

Noa Presas tamén agradeceu durante o encontro coas veciñas do Concello de Maceda, a súa valentía por apoiar a candidatura do BNG para estes comicios sabendo que son a única candidatura “sen ataduras” que ten posibilidades de sacar a representación suficiente como para liderar o cambio político galego e presidido pola primeira muller “feminista e nacionalista” da historia galega ao fronte da Xunta de Galiza.


 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG