Noa Presas: “O BNG é o único que pode sacar a Ourense e ao seu medio rural do abandono que sofre”
Política integral, impulsando o sector agrogandeiro o rural galego, enmarcada na Estratexia Rural Galiza 2024-2028 que o BNG leva no seu programa electoral
“Non é aleatorio que nos seis primeiros postos haxa tres persoas expertas na materia. Temos as persoas e temos o proxecto para coller as rendas deste País e impulsar os nosos sectores produtivos” afirma Presas
O BNG eríxese como a única alternativa política capaz de sacar a Ourense e ao medio rural do abandono que sofre e pon en valor o equipo de persoas que compoñen a candidatura do BNG por Ourense preparadas para gobernar coas mans libres para defender os intereses do sector agrogandeiro. Cun programa de goberno amplo e con persoas preparadas, o BNG presenta a Estratexia Rural Galiza 2024-2028 para impulsar o sector primario e o rural ourensá.
A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, participa dun encontro con representantes do sector primario acompañada doutros candidatos -Sonia Vidal, Secundino Fernández e Marcos Nogueiras- na localidade de Xinzo de Limia para trasladar as propostas da organización nacionalista para o sector agrogandeiro e o rural galego e, concretamente, o ourensá.
“A historia deste País demostra que a única forza política que ten un proxecto claro, conciso e coas ideas claras de como sacar adiante o medio rural, somos nós, o BNG” sinala Presas. De facto, lembra que o BNG xa o demostrou no pasado -con Canal e o seu equipo- e “demostrámolo hoxe” co programa de goberno que presenta. Segundo explica a cabeza de lista, “estamos nun momento clave para o País e Ourense precisa dunha política para o medio rural que sexa integral”.
O BNG, subliña Presas, ten un proxecto de País no que “hai unha folla de ruta clara para resolver os problemas comúns mais tamén para as especificidades, como dá conta o Plan Ourense Vivo”. O rural non é un territorio homoxéneo e hai diversidade: “realidades moi distintas do punto de vista demográfico, produtivo, das oportunidades de emprego, das comunicacións ou dos servizos. Por iso, “non podemos falar de políticas idénticas para todo o rural, senón de liñas de actuación que se deben axustar ás distintas realidades. E nós témolas”.
“Temos claro que o rural non é xa sinónimo de agrario e, polo tanto, no desenvolvemento do rural precisamos de máis pezas, sen esquecer o impulso dos nosos sectores produtivos” afirma Presas. Mais tamén engade que o BNG está preparado para reverter o desmantelamento dos nosos sectores produtivos e as políticas agrarias impostas desde Bruxelas e desde o Estado. “Un goberno do BNG terá as mans libres para defender os intereses do sector agrogandeiro e o rural ourensá” avanza Presas.
Proxecto e unha candidatura experta na materia
“Non é aleatorio que nos seis primeiros postos haxa tres persoas expertas na materia. Temos as persoas e temos o proxecto para coller as rendas deste País e impulsar os nosos sectores produtivos” afirma Presas. “Nós debémonos única e exclusivamente a este país e a súa xente e iso é o que nos xogamos nestas eleccións: Pontón ou Rueda; defender o rural galego ou que siga esmorecendo” sentanza.