galegas 2024

Noa Presas: “O BNG desbloqueará as promesas e os proxectos pendentes para Ourense desde o goberno da Xunta”

Ourense

O BNG avanza un Plan de Infraestruturas pendentes para Ourense en materia de Atención Primaria e un Plan de Choque de 200M € para reverter a situación sanitaria

O barrio do Vinteún é un dos exemplos de discriminación que sofre Ourense en materia sanitaria e os continuos incumprimentos por parte do PP desde a Xunta de Galiza, sinala

O Bloque Nacionalista Galego presenta un Plan de Infraestruturas pendentes para Ourense en materia de Atención Primaria que contempla a construción do Centro de Saúde do barrio do Vinteún e a remodelación do da Cuñara. A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, erixe a organización nacionalista como a única garante de rematar coa discriminación histórica que sofre Ourense após 14 anos de goberno do PP na Xunta de Galiza e avanza un Plan de Choque de Atención Primaria dotado de 200M € para reforzar o persoal sanitario, incorporar novas especialidades e rematar co colapso da sanidade pública provocada polos sucesivos recortes do Partido Popular.

Diante do solar onde está proxectado o Centro de Saúde do barrio ourensá do Vinteún a cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, e o número dous da candidatura, Iago Tabarés, denuncian -xunto coas concelleiras e concelleiros da cidade de Ourense- a discriminación que sofre Ourense por parte da Xunta de Galiza do PP. “Este solar é o reflexo da política, e da política sanitaria en particular, do PP durante os últimos catorce anos para Ourense: de absoluto abandono e de absoluta ineficacia. Non son bos xestores e, desde logo, non son bos para Ourense” apunta Presas.

“Ourense precisa recuperar todas aquelas promesas e proxectos pendentes que non foron realizados e se executen no curto prazo e ese é o compromiso do BNG ante es 18F” afirma Presas. Un goberno liderado polo BNG, con Ana Pontón na presidencia da Xunta, desbloqueará as promesas e proxectos pendentes para Ourense.

Catorce anos foron suficientes para solucionar as trabas e construír este Centro de Saúde nunha zona das máis poboadas. “A veciñanza deste barrio ten que desprazarse até o Centro de Saúde da Ponte, que xa de por si ten colapso e quédase pequena a infraestrutura. Hai que lembrar que xa o Partido Popular impedira -a través da aprobación da intermodal Frankenstein- a ampliación do Centro de Saúde do barrio da Ponte” lembra Presas.

Plan de Infraestruturas pendentes para Ourense en materia de Atención Primaria

“É unha necesidade imperiosa para a veciñanza do barrio construír este Centro de Saúde. Por este motivo poremos en marcha un Plan de Infraestruturas pendentes para Ourense en materia de Atención Primaria” avanza a cabeza de lista. Neste Plan, ademais de impulsar esta infraestrutura, a organización nacionalista contempla a remodelación do Centro de Saúde da Cuña para adaptalo ás novas necesidades e solucionar os problemas de mobilidade e de espazo existentes.

Plan de choque de Atención Primaria de 200M €

Por outra parte, a cabeza de lista adianta o incremento do orzamento destinado para solucionar o colapso sanitario que existe na Atención Primaria -con 200 millóns de euros- co BNG na Xunta de Galiza. “Para reforzar persoal sanitario, incorporar novas especialidades e, en definitiva, para que os ourensáns e as ourensás teñan unha sanidade pública de calidade” sentenza Presas.

BNG como garante para rematar a discriminación que sofre Ourense

O voceiro municipal lembra que o proxecto para a construción do Centro de Saúde do barrio do Vinteún foi asinado a comezos de 2009 e “foi gardado nun caixón polo Partido Popular durante estes 15 anos” coa conivencia dos sucesivos gobernos municipais -aliados do PP da Xunta- que tampouco reclamaron esta demanda veciñal.

“Hai unha corresponsabilidade por parte dos gobernos municipais porque foron incapaces de pór enriba da mesa durante as reunións co presidente da Xunta esta necesidade e demanda” recorda Seara. O goberno do BNG, continúa Luis, será a garantía de que Ourense teña o impulso necesario e teña servizos sanitarios de calidade “independentemente do barrio onde viva”.