Noa Presas asegura que o goberno do BNG reforzará a Atención Primaria na Limia
Noa Presas: “Ana Pontón terá as mans libres como Presidenta para negociar por este país e garantir investimento para o regadío da Limia”
O BNG avanza que Ourense será unha praza decisiva para o cambio político que precisa Galiza e chama a concentrar o voto no BNG e “rematar coa discriminación que sofre Ourense” derivada das políticas do PP
A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, visita a localidade de Xinzo de Limia acompañada por outros membros da candidatura –Sonia Vidal, Marcos Nogueira e Xaira Pena- para chamar a concentrar o voto no BNG “á todas aquelas persoas que pensan que Ourense e, concretamente A Limia merece máis” após 14 anos de Partido Popular “demoledores en ámbitos, por exemplo, como a sanidade”. Presas avanza o compromiso do BNG para que a comarca da Limia “teña garantidos os dereitos sanitarios con independencia do lugar onde vivimos e, por suposto, tamén o de pediatría” e sinala que un goberno galego do BNG “terá a capacidade e as mans libres para garantir investimento suficiente e pór en marcha o regadío na Limia”.
“Arrancamos unha campaña electoral intensa, na que estamos recorrendo as vilas máis importantes de Ourense, e facémolo porque somos conscientes de que estas eleccións son as máis abertas dos últimos 15 anos, e de que temos unha oportunidade histórica, unha oportunidade histórica para Galiza, pero sobre todo, unha oportunidade histórica para Ourense” sinala a cabeza de lista do BNG. Porque a Limia, continúa Presas, é un bo exemplo de que “precisamos como en ningunha outra parte do país un cambio político”.
“Un cambio político que impulse unha transformación sen precedentes e para iso hai que concentrar o voto das persoas que queren cambio no BNG, porque somos a única alternativa que nos presentamos a estas eleccións con dúas cousas moi importantes: Un proxecto de país para sacar adiante tanto os servizos públicos como o impulso económico que precisamos; e tamén mans libres para negociar por este país” destaca. A Limia é un bo exemplo, tamén porque nesta parte de Ourense “estamos vendo como 14 anos de PP foron demoledores en ámbitos como a sanidade, e como a día de hoxe A Limia ten que estar a pedir unha e outra vez un servizo e Atención Primaria digno”.
Sanidade de primeira para A Limia: prioridade para o goberno do BNG
“O noso compromiso é que os nosos dereitos sanitarios estean garantidos con independencia do lugar onde vivimos e, por suposto, tamén o de pediatría” asegura Presas. Neste sentido, avanza un plan de choque urxente para solucionar as eivas existentes na Atención Primaria e “faremos unha política proactiva para que as e os profesionais veñan aquí a vivir e fagan o seu proxecto de vida e os nenos e nenas da Limia poidan ter unha pediatría de primeira”.
Pontón terá as mans libres para garantir investimento para o regadío
Estando na Limia, a cabeza de lista avanzou a necesidade de que a comarca conte cunha Presidenta da Xunta que teña as mans libres para negociar polo que é xusto. Nos últimos catorce anos, lembra Presas, A Limia leva vivido un “pimpampum” estéril entre os diversos gobernos centrais e a Xunta “escudándose en malas escusas para evitar asumir as súas responsabilidades, cunha infraestrutura que absolutamente fundamental para a Limia, que estaba comprometida no goberno do bipartito, e que non se puxo en marcha por falta de vontade política”.
Neste sentido, Presas garante que un goberno do BNG, presidido por Ana Pontón, terá as mans libres para negociar por este país e non se conformará con menos que poñer en marcha ese regadío e ter ese investimento asegurado a partir do 18 de febreiro.