Noa Presas: “A área metropolitana de Ourense terá servizos públicos de primeira a partir do 18-F co BNG”
A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, compromete impulsar desde o Goberno galego liderado pola súa formación unha política pública que garanta a prestación de servizos “de primeira” para Ourense. En concreto, na área metropolitana de Ourense exemplifica no concello do Pereiro de Aguiar a necesidade de contar con persoal sanitario especializado no servizo de pediatría e no concello de Barbadás na construción dun Centro de Día público recollido no seu programa.
Os concellos do Pereiro de Aguiar e Barbadás, a pesar de ter aumentado a súa poboación, son –para a organziación nacionalista- o exemplo claro da discriminación que sofre Ourense por parte do PP á fronte da Xunta de Galiza. Neste sentido, a cabeza de lista do BNG visita os termos municipais para lanzar os compromisos en materia sanitaria e de servizos sociais que o BNG leva no seu programa electoral e sinala a necesidade de que haxa un cambio político en Galiza, co BNG á fronte da Xunta, que remate coa discriminación que sofre Ourense.
Centro de Saúde do Pereiro: reforzo de persoal e creación do servizo de pediatría
Reforzo da Atención Primaria e, no concreto, a inclusión do servizo de pediatría no Centro de Saúde do Pereiro de Aguiar
O Pereiro é un claro exemplo das políticas hipócritas do Partido Popular que só agochan a demolición da sanidade. Este é un concello que non para de medrar e, contando con case 800 crianzas, que non ten servizo de pediatría. O PP sempre emprega as características da poboación para quitar servizos mais nunca mira os datos para engadilos
Non é normal que os nenos e nenas teñan que desprazarse ao centro da cidade, ao Centro de Saúde de Valle-Inclán, para que un pediatra os atenda. Máis aínda cando este Centro de Saúde “xa está moi saturado e con moitos problemas para a dotación pediátrica”.
Neste sentido, Presas promete impulsar un Plan de Choque para a Atención Primaria dotado de 200M€, impulsar outra política laboral e comprometerse “a que a sanidade sexa un dereito con independencia do lugar onde vivas. O Pereiro e todo Ourense merece unha Atención Primaria de primeira”.
Centro de día público en Barbadás
“Barbadás é o exemplo de como o Partido Popular discrimina Ourense e non o dota de servizos públicos. A pesar de ter medrado en poboación nos últimos anos, a Xunta do Partido Popular desoíu as demandas veciñais –e reivindicacións municipais- como a necesidade dun Centro de día público” apunta Presas. O conxunto de Ourense, lembra a cabeza de lista, é a parte do País con menos prazas de residencias de maiores públicas e menos prazas de centros de día públicos. “A partir do 18F cun cambio político co BNG á fronte da Xunta de Galiza, a xente maior e a xente de Ourense terá servizo públicos de primeira” sentenza.