Noa Presas acusa á Xunta do PP de querer facer negocio coa xestión do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade
A conselleira de Política Social evita confirmar no Pleno que o centro de Ourense será de xestión pública e directa, como se lle prometeu ás familias
A deputada do BNG Noa Presas acusou ao Goberno do PP de querer facer negocio coa xestión do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade maiores de 21 anos, cuxa xestión pública se negou a confirmar no Pleno a conselleira de Política Social, Fabiola García. “A sociedade ourensá e, sobre todo, a plataforma Procapd e centros de familias levan moito tempo loitando para que Ourense teña o que xa teñen A Coruña, Pontevedra ou Lugo”, asegurou, lembrando que nestas cidades o servizo é público e non está externalizado.
“Vostedes teñen antecedentes, son especialistas en privatizar a atención aos nosos maiores e en seguir facéndoo pese ás leccións que aprendemos na pandemia e pese ao que din os informes do Consello de Contas; teñen antecedentes porque en Ourense xa pecharon o centro de Menores de Montealegre para despois abrir un servizo público privatizado e con moitísimos problemas hoxe en día; teñen antecedentes porque acaban de privatizar os servizos 24 horas de atención ás vítimas de violencia sexual, tamén o que vai haber en Ourense”, advertiu para subliñar as sospeitas de externalización sobre o novo centro de atención a persoas con discapacidade (CAPD).
Noa Presas interesouse no Pleno do Parlamento polas previsións da Xunta para apertura deste centro e, sobre todo, sobre a vía que escollerá a Consellería para a súa xestión. “Imos ter un CAPD público e de xestión directa ou van facer negocio coa discapacidade?”, preguntou á conselleira, quen evitou confirmar que o centro vaia ter xestión pública e directa, con persoal dependente da Xunta, tal e como se lles prometeu ás familias que levan anos loitando polo centro.
Familias que, engadiu Presas, levan moito tempo vendo como o Goberno da Xunta “incumpre reiteradamente”, como volveu quedar de novo en evidencia coa intervención de Fabiola García, que anunciou que o centro abrirá “os primeiros meses do ano 2025” malia que a última data comprometida era este mesmo mes de outubro.
A deputada ourensá subliñou que tras anos de mobilizacións de máis de 50.000 sinaturas, xa no 2016 todas as forzas políticas con representación na Cámara asinaron un compromiso co futuro do CAPD. Aínda así, lamentou, os incumprimentos foron continuos, a comezar polo proxecto iniciado que tivo que ser modificado porque non daba resposta ás necesidades das familias.
Tal e como relatou Presas, tras anos sen partidas orzamentarias ou con partidas “pírricas”, no verán de 2020 por fin botaron a andar as obras, que en agosto de 2021 a construtora pediu paralizar pola suba de prezos, tal e como revelou o BNG no Parlamento malia os intentos da Xunta por ocultar daquela a paralización dun centro que, tras unha nova adxudicación, anunciouse para xaneiro de 2024, logo para setembro e máis tarde para outubro. Hoxe a conselleira anunciou que o centro comezaría a funcionar “os primeiros meses do ano 2025”.