Noa Presas acusa á consellería de cultura de facer política turística a “golpe de botafumeiro”

Noa Presas

A deputada do BNG criticou as políticas culturais e turísticas do Partido popular, a golpe de “botafumeiro” e pediu abrir o debate sobre a conveniencia de abrir novas rutas ou pechar definitivamente o Mapa do Camiño de Santiago

Tras a comparecencia do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez para dar conta do novo plan de medidas de Turismo, a deputada do BNG, Noa Presas asegurou que “non existe unha estratexia de fondo”. Despois de cualificar de “retórica” a intervención do titular de cultura acusou á consellería de “medir as iniciativas e os camiñante a peso” no ámbito turístico, supeditándoo ao “monocultivo do xacobeo” ou que o 25 de Xullo, Día da Patria galega, cadre en domingo.

A pesar dalgúns datos positivos, dixo a deputada, hai indicadores que nos levan á preocupación. Durante os  2009 ao 2017,  descenderon os aloxamentos turísticos, agás no turismo rural. A pesar deste incremento, explicou,  os datos confirman que foi inferior aos do resto do estado, “un 20,3% fronte o  34,45%”.

Un aumento de turistas e de visitas pode ser positivo pero non podemos perder de vista a  “estacionalidade” que debe ser tomada  como “unha oportunidade”. Dende o BNG consideramos que o turismo é unha parte fundamental na economía galega pero non a única e debemos apostar por un modelo propio de país, nun contexto globalizado.

Preocúpanos, reiterou Presas, que o Partido popular careza dunha verdadeira estratexia cando a realidade esixe apostar por un “produto diversificado” que atenda a reequilibrio territorial.

CAMIÑO DE SANTIAGO PENDENTE DE MELLORAS EN SEGURIDADE VIARIA

Para a deputada, o Partido popular practica “un discurso moi triunfalista” sobre o Camiño de Santiago pero existen voces críticas sobre o aumento de camiñantes e o peso real na economía galega. “É un turismo, de baixo impacto económico, non mudou a demografía nin a dinámica dos concello polos que pasa o camiño”. O argumento dos beneficios fiscais, dixo, tampouco nos serve porque eses beneficios tamén existían con Fraga.

Sobre o patrimonio, a parlamentaria lembrou que o orzamento previsto para mellorar os camiños con 12 M€ é  “insuficiente”. As franxas de seguridade viaria e de protección tamén foron motivo de crítica da nacionalista e puxo como exemplo o deterioro  do camiño portugués.

Sobre o Plan estratéxico que será presentado no segundo semestre do ano pediu “chegar a acordos” ao que sumou que se cumpran  os prazos do Plan Director do Camiño.

Finalmente, a nacionalista apelou a abrir novos debates e non quedar  en eventos de “ camelias e  rosas”. Temos que falar dos fluxos do Camiño de Santiago e da necesidade  de ampliar  as rutas ou pechar definitivamente  un  "Mapa”.