Noa Presas: “O 5A temos que apostar por unha forza política propia sen obediencias estatais”
Ana Miranda mostra apoio publicamente á cabeza de lista do BNG por Ourense e critica a xestión da Xunta de Galiza do Partido Popular cos fondos europeos
Miranda: “A Bruxelas non se pode ir a pasear, hai que ir a negociar”
A cabeza de lista do BNG por Ourense ás eleccións ao Parlamento de Galiza, Noa Presas, e a voceira do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, fixeron unha valoración negativa do papel do goberno do PP na Xunta de Galiza durante estes once anos diante dos escenarios que se abrían na Unión Europea.
Noa Presas e Ana Miranda, membros da Executiva do BNG, destacaron os once anos de Feijóo a cargo da Xunta de Galiza cunha posición submisa, asumindo acriticamente todas as resolución que a Unión Europea tomaba e “sen entrar en negociacións. O goberno da Xunta de Galiza non soubo facer valer a súa posición e asumiron posicións pensadas para outros territorios e non para o noso país”.
A cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, sinalou que o goberno galego “desiste das súas funcións” sendo un “incompetente e inútil á hora de xestionar eses fondos europeos” con partidas que non están executados agora que remata o período na Unión Europea. Presas destacou a falta de posicionamento do Partido Popular fronte ao TTIP ou o CETA e mesmo de acontecementos que “nos afecta co exemplo do sector do viño e a política arancelaria dos Estados Unidos onde aínda estamos esperando que o PP teña algún tipo de estratexia”.
Asemade, a cabeza de lista por Ourense mostrou temor ao momento que se abre polos fondos de demografía “tamén haxa a mesma ausencia” defendendo os intereses do país en xeral e de Ourense, en concreto. “Por iso o 5 de abril temos que apostar por unha forza política propia sen obediencias estatais que poida negociar tanto co goberno do Estado como coa Unión Europea” destacou.
Defensa dos intereses galegos
Segundo afirmaba a formación nacionalista, os acordos da PAC abren un novo período entre 2021-2027. “Fronte a esa submisión do PP, desde o BNG ofrecémoslle ao pobo galego unha actitude diferente e para iso temos o aval do papel de Ana Miranda que durante estes anos defendeu os intereses das galegas nestas negociacións e mesmo o papel de Ourense en casos coma o Alvia ou o saneamento dos ríos” sinalou Presas.
Pola banda da voceira do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, mostrou o apoio á cabeza de lista da formación pola provincia de Ourense e destacou tamén a mala xestión dos fondos europeos por parte goberno do PP na Xunta de Galiza. “Ourense ten que ter un papel fundamental nesta nova etapa que se abrirá. Queremos que sexa unha provincia de vangarda e poida recuperar esa xente moza” destacou Miranda.
“A provincia de Ourense é unha das oito provincias máis despoboadas do Estado, sendo un dato que resultará importante para os vindeiros Fondos da Unión Europea” destacou Ana Miranda ademais de sinalar a importancia dun cambio no goberno galego o 5A “para ir a Bruxelas a negociar de verdade”.
O 5% do FEDER poderíanse empregar, segundo Miranda, para infraestruturas de carácter medioambiental pero tamén a nivel xeral coa “creación de Centros de día, garderías, saneamento, hospitais...”. A Galiza correspóndenlle 150 millóns de euros mais “no caso de Ourense, por cuestións demográficas, podería pedir eses fondos directamente cunha capacidade de negociación importante, xestionándoos dende un goberno galego co BNG” asegurou.
Para a voceira no Parlamento Europeo, esta provincia viu reducida as prestacións de servizos básicos “se o comparamos co resto de provincias do país” sinalando o “malgasto” levado a cabo polos gobernos do PP na Xunta de Galiza e na Deputación de Ourense.
A voceira no Parlamento Europeo sinalou que a Xunta de Galiza só gastou 50% dos fondos europeos nestes anos (2015-2021) na PAC, quedándolle un ano tan só para gastalos- dato que preocupa tamén á Comisión Europea. “A Bruxelas non se pode ir a pasear, como fai o actual presidente da Xunta, a Bruxelas hai que ir a negociar” afirmou Ana Miranda. Asemade, comparouno co papel do goberno vasco asegurando que as súas negociacións son máis frutíferas: “temos que ter un goberno galego eficaz que poida xestionar directamente os fondos europeos porque coñecemos a realidade do noso país” sentenciou.