No momento de maior "desprestixio da Casa Real" a Xunta nomea Embaixador de Honra ao príncipe Felipe

Ana Pontón en comisión parlamentar

O BNG pide no Parlamento galego  que sexa derrogado o Decreto polo que se crea esta figura e que a Xunta deixe de promocionar a monarquía en Galiza.

Ana Pontón afirma que esta imitación de títulos nobiliarios da aristocracia, "trasnoitados e rancios" non contribúen a divulgar a cultura e valores xacobeos de maneira actual, democrática e moderna e só busca a promoción do príncipe na sucesión  na Coroa no momento de maior  "indignación e bochorno dos cidadáns polo desprestixio da Casa Real e a súa vinculación co caso Nóos”.

A portavoz de Cultura do BNG, defenderá no Parlamento galego unha Proposición non de lei co fin de “derrogar o Decreto para a concesión do título de Embaixador de Honra do Camiño de Santiago de Compostela e a paralización dos expedientes iniciados”.

Asemade, a parlamentaria rexistrou diversas iniciativas sobre as razóns que impulsaron á Xunta a crear esta figura e nomear ao príncipe Felipe de Borbón como primeiro Embaixador de Honra do Camiño de Santiago de Compostela.

A deputada critica que a Xunta outorgue o título de honra ao Príncipe Felipe no momento de “maior desprestixio” da Casa Real e suxire que esta concesión obedece, máis ben “á promoción do príncipe á sucesión na coroa” nun momento de grande indignación e bochorno dos cidadáns pola vinculación da Casa Real co caso Nóos.

Para a nacionalista, a Xunta de Galiza debe dirixir os seus esforzos e recursos a resolver o desemprego e as desigualdades sociais así como impulsar políticas contra a pobreza en troques de “iniciar campañas estériles de promoción da monarquía en Galiza”.

Pontón cualifica de “rancia” a creación deste tipo de figuras que ademais, non contribúen a difundir a cultura e valores xacobeos “alonxándose” do funcionamento democrático ao que aspiramos.

A deputada reitera que a concesión deste título forma parte dunha campaña de promoción da Casa Real e sobre todo, do príncipe Felipe polo que pide que á Xunta abandone a súa intención de promocionar a Monarquía na Galiza e inicie accións no camiño de divulgar os verdadeiros “valores democráticos e da cultura galega” no marco do Camiño de Santiago.