Ningún plan industrial de Ferroatlántica pode estar ligado á chantaxe da venda ilegal das centrais do Xallas
- O BNG denuncia que o silencio da Xunta fai que a empresa “nin se moleste en dar unha mentira crible” modificando cifras cada semana
A portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, pediu na Cámara galega unha declaración clara e unánime contra a venda ilegal das centrais hidroeléctricas do Xallas que pretende realizar Ferroatlántica, que xa foi comunicada aos mercados a través dunha comunicación emitida pola multinacional Ferroglobe da que forma parte a factoría instalada na Costa da Morte.
O BNG insistiu en que de ningunha maneira se poder realizar a venda dun ben público, nin é posible a segregación da produción eléctrica da actividade de ferroaleacións, e que ningún plan industrial pode estar vinculado á que a empresa “faga caixa” cun recurso que non lle pertence porque é de todos e de todas.
“Ningún plan industrial de Ferroatlántica pode estar ligado á chantaxe dunha venta ilegal das centrais hidroeléctricas do Xallas”, proclamou Presas na Comisión de Industria, quen criticou a inacción política do Goberno galego. “O silencio da Xunta fai que a empresa nin se moleste en dar unha mentira crible para xustificar a venda das centrais, cada semana as cifras e os argumentos cambian, puro disparate”, alegou.
A deputada nacionalista dixo que o BNG comparte o escepticismo dos e das traballadoras ante as propostas da multinacional, e pide ao PP e ao Goberno galego que deixen de dar cobertura a Villar Mir e se poñan do lado dos intereses da Costa da Morte. Neste sentido, pregúntase por qué o conselleiro de Industria se nega a recibir aos representantes do cadro de persoal para explicar a posición do Executivo.
O Bloque levará este asunto ao pleno da vindeira semana, no que a portavoz nacional, Ana Pontón, preguntará a Feijóo na sesión de control ao Goberno.