Congreso

Néstor Rego: “O tren nocturno era útil e debe volver conectar Monforte e Barcelona”

Protesta Monforte

O deputado do BNG explicou que esta mesma semana reclamou ao Ministro Puente que rectificase a negativa do Ministerio para a reposición dos tren hotel.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou na concentración convocada diante da estación de tren de Monforte de Lemos para reivindicar a recuperación do tren nocturno a Barcelona que foi suprimido polo Ministerio durante a pandemia, negándose a repoñer esta conexión ferroviaria necesaria e útil para a comarca de Lugo sur.

De forma simultánea, realizábase á mesma hora unha concentración en Barcelona diante da estación de Sans, na que participou a Responsábel do BNG da comarca de Lugo Sur, Rosana Prieto xunto con persoas da comunidade galega emigrante na capital catalá.

Protesta Barcelona

O Ministerio debe escoitar ás comarcas prexudicadas que queren o tren nocturno

En Monforte, acompañado de cargos institucionais e orgánicos do BNG, entre eles o Portavoz Municipal de Monforte, Emilio Sánchez,  Néstor Rego sinalou que esta mesma semana reclamou ao Ministro de Transportes na súa comparecencia no Congreso que rectificase a negativa do Ministerio para a reposición dos tren hotel  dando cumprimento ás demandas das comarcas prexudicadas.  “Os trens hotel que conectaban Galiza con Barcelona e con Madrid cumprían un servizo necesario para millares de emigrantes galegos e galegas”. Rego afirmou que “era unha conexión útil e debe volver a conectar Monforte e Barcelona”.

Ademais, subliñou, “era un factor de dinamización socio-económica das comarcas polas que pasaba como Lugo sur ou a comarca de Valdeorras. Non só se utilizaba para viaxar ao destino final: Madrid ou Barcelona, senón que se empregaba para a mobilidade entre as diferentes vilas e coas cidades”. Néstor Rego afirmou que nun marco no que “a UE chamou aos Estados membros a impulsar a mobilidade sustentábel como o mellor mecanismo de loita contra o Cambio Climático, o tren é o medio de transporte menos contaminante, ecolóxico e eficiente. Sen esquecer que en Europa se están a recuperar os trens nocturnos porque son unha alternativa para viaxar óptima para persoas que prefiren viaxar de noite e chegar pola mañá”.  

O deputado do BNG criticou que se aproveitase a situación de pandemia e o confinamento para proceder aos recortes de servizos de tren en comarcas Lugo e Ourense que acumulan grandes deficiencias en materia ferroviaria e nas que se está, paulatinamente, desmantelando o transporte ferroviario.  

Mobilización convocada en Barcelona pola emigración galega

Ao mesmo tempo que se producía a concentración en Monforte de Lemos, decorría outra mobilización semellante na estación de Barcelona-Sants para reclamar a recuperación dos trens nocturnos que conectaban Galiza e Cataluña. A emigración galega na capital catalá mobilizouse, xunto coa responsábel do BNG da comarca de Lugo sur, Rosana Prieto a prol da recuperación deste servizo ferroviario “fundamental para a comunidade galega na emigración”.

 “Unha acción que forma parte da campaña que está a impulsar o BNG co obxectivo de lograr a restauración dos trens nocturnos, e na tamén se fará unha recollida de sinaturas, máis concentracións na comarca de Lemos, así como futuras manifestacións nas comarcas veciñas de Lugo e Ourense. Tamén se están presentando mocións en concellos para instar o Ministerio de Transporte a restablecer este servizo, con iniciativas xa presentadas no Congreso a través do deputado Néstor Rego” declarou Rosana Prieto.