Néstor Rego traslada á veciñanza da Estrada as medidas urxentes que propón o BNG para combater os efectos da suba dos prezos

oppo_0

A organización nacionalista reclama medidas urxentes que deseñen un sistema tributario máis xusto e progresivo, aliviando a carga das clases populares, e facendo que pague máis quen máis ten.

Un imposto ás grandes eléctricas, elevar os límites do imposto do Patrimonio, a deflación do IRPF ou baixar o IVE dos produtos básicos e de primeira necesidade son algunhas das propostas presentadas no Congreso e no Parlamento da Galiza.  

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a concelleira da formación na Estrada, Susana Camba, manteñen un encontro coa veciñanza da localidade da Estrada para informar sobre a actividade política na cámara baixa, centrándose nas medidas urxentes que reclama ao Goberno do Estado e da Xunta para combater as graves consecuencias que está causando a suba disparada dos prezos na economía da Galiza e paliar o empobrecemento das clases populares.

Durante o encontro, o deputado nacionalista destacou a defensa “coherente e insubornábel” dos intereses da Galiza e da clase traballadora que fai día a día o BNG, e tamén no Congreso dando voz ás necesidades e problemas dos galegos e galegas. “Neste momento a principal preocupación é a escalada de prezos que afecta de forma directa ás economías familiares, sectores produtivos e empresas” destaca Rego, “e o BNG exixiu ao Goberno desde o primeiro momento medidas urxentes e ambiciosas”.

Acto A Estrada

O BNG considera urxente abordar unha reforma do sistema fiscal para compensar a perda do poder adquisitivo dos sectores da poboación economicamente máis vulnerábeis e que deben incluír a reforma do IRPF para incrementar a progresividade, e mentres dure a situación de inflación, a deflación da tarifa, tanto estatal como autonómica, evitando a tributación sobre rendementos nominais e non reais. Tamén propón a incremento no límite de gasto de dietas e locomoción, converter o imposto de sociedades nun imposto progresivo e revisar os impostos de Patrimonio e o de Sucesións e Doazóns. “Resulta ademais iniciar unha baixada selectiva do IVE en bens e servizos de primeira necesidade como son a alimentación, produtos de hixiene persoal e feminina, transporte público ou os servizos enerxéticos básicos como a luz e o gas” remarca o deputado do BNG. 

Un dos primeiros servizos que sufriu a alza dos prezos, xa desde 2021, foi o eléctrico, por iso debe ser un dos sectores prioritarios nos o Goberno debe actuar. “O sector eléctrico precisa dunha reforma profunda se queremos ver cambios na factura” subliña o deputado nacionalista, a comezar pola intervención pública do mercado para botar man dos beneficios “chovidos do ceo” das eléctricas e o control os prezos para garantir o acceso á enerxía como “un ben básico”. Rego urxe desvincular o mecanismo de fixación dos prezos da electricidade no mercado maiorista da evolución do prezo do gas nos mercados internacionais e mudar o sistema de pool. Así mesmo, demanda a rebaixa permanente do IVE de enerxía eléctrica “a 4%, por tratarse dun ben de primeira necesidade e a retirada da factura daqueles conceptos que non están vinculados á xeración de enerxía e que a sobrecargan”.

Alén do máis, reclama aplicación dunha Tarifa Eléctrica Galega a través do abaratamento das peaxes de transporte “por sermos un País produtor e excedentario de enerxía eléctrica” e o impulso de medidas urxentes para a contención da crise da industria electrointensiva, “a través dunha tarifa estábel que garanta prezos máximos a medio prazo”. Destaca a creación de empresas públicas que comecen a xestionar os saltos hidroeléctricos e parque eólicos.  Ademáis “É preciso prohibir por lei, de maneira permanente, o corte das subministracións básicas de luz, auga e gas” reivindica Rego.

Sumado a estas medidas no sector eléctrico, o deputado explica que é preciso tamén levar a cabo un “control  do prezo dos hidrocarburos con medidas como a redución temporal dos impostos a estes combustíbeis, así como fixación de prezos máximos para a súa comercialización”.

Para a organización nacionalista, é necesario controlar e estabilizar o prezo e mesmo axudas para os sectores agrícola, gandeiro e pesqueiro, que se están a ver gravemente afectados. Aliás, reclama que o Goberno “controle o cumprimento das previsións da Lei de Cadea Alimentaria de non poder vender por debaixo dos custos de produción”.

Por outra banda, a formación nacionalista defende “a suba das pensións mínimas e os salarios mínimos até 60% do Salario Medio tal e como recolle a Carta Social Europea” e a suba dos salarios co IPC. De maneira inmediata, medidas como a suba de prestacións social tales como o Ingreso Mínimo Vital (IMV) e mesmo a ampliación do bono social e o bono eléctrico.

Na defensa dos intereses da Estrada

Por outra banda, Rego lembra as diversas iniciativas presentadas para conseguir a cesión do antigo Centro de Saúde da localidade estradense, propiedade do Ministerio de Seguranza Social, co obxectivo de convertelo nun Centro de Día tan necesario para este municipio. Así mesmo, iniciativas para reclama a instalación dunha pasarela peonil no río de Sapos “debido a perigosa situación e inseguridade no tramo da N-640 entre A Estrada e O Alto da Cruz” e as referidas á variante da Estrada.

“Rexistramos iniciativas tamén para que o Goberno do Estado denegue a autorización sobre a construción do Parque Eólico Alto de Afrende de 53.6 MW que afecta aos municipios de Forcarei, A Estrada e Silleda” lembra o deputado. Unha tramitación que segue pendente de autorizarse e que, de aprobarse, repercutirá negativamente a nivel social, económico e medioambiental. “Demandamos unha Planificación Eólica conxunta entre Goberno do Estado e Xunta de Galiza que atenda a criterios racionais e sustentábeis co medio” reivindica o deputado nacionalista.