Néstor Rego traslada a representantes do sector que o BNG foi a única voz do mar galego en Madrid
Afirma que os partidos con sede central a máis de cincocentos kms non van defender o sector pesqueiro galego
Rosana Pérez insistiu na necesidade dun grupo galego forte e determinante para apoiar o sector no Congreso
O voceiro e cabeza de candidatura do BNG ao Congreso, Néstor Rego, xunto coa candidata número 2 e até agora deputada no Parlamento Galego, Rosana Pérez, reuníronse con representantes do sector pesqueiro para coñecer de primeira man as súas demandas e trasladarlles o traballo desenvolvido para defender os intereses un sector estratéxico discriminado polo goberno central. Rego defendeu a necesidade de ampliar a capacidade pesqueira e poñer fin a ameazas como a eólica mariña.
Nunha xuntanza con representantes da Asociación do Cerco de Galiza que se desenvolveu en Sada, os números 1 e 2 da candidatura do BNG pola Coruña, Néstor Rego e Rosana Pérez, trasladáronlle o traballo desenvolvido e os logros conseguidos no Congreso para defender o mar galego e as propostas para a nova lexislatura na que aspiran a ter máis forza e ser determinantes en asuntos relacionados coa economía da pesca.
"Nestes catro anos fomos a voz do sector pesqueiro en Madrid, poñendo fronte á redución da capacidade pesqueira e a frota e, en especial, defendendo o dereito da frota galega a poder traballar, de maneira especial, a máis sustentábel", sinalou Néstor Rego que mostrou a oposición ao veto á pesca con arte de fondo en 87 zonas do mar da Unión Europea que podería ampliarse até no 30%, o que sería un golpe máis para o sector galego.
Explicou tamén Rego a posición do BNG con respecto á eólica mariña para a que, ao seu ver, "a costa galega non é o lugar adecuado porque sería sacrificar a actividade pesqueira polas grandes eléctricas xa que, tal e como foi deseñado, atribúese o 50% á nosa costa aínda que o arco sexa moi pequeno". Lembrou o até agora o voceiro nacionalista no Congreso o "balbordo que se montou" cando dixo que puxeran os muíños na CAstellana mais, con iso, quixo deixar á vista que "teñen cero muíños en toda a comunidade e ningún parque en tramitación cando para nós prevese unha invasión por terra e por mar.
Entre as iniciativas que Néstor Rego destacou das promovidas no Congreso para a defensa do sector sinalou a emenda que obriga a poñer en marcha o mecanismo que garanta o voto aos mariñeiros embarcados ou a elaboración dun catálogo de enfermidades do sector pesqueiro e marisqueiro.
Grupo galego forte para defender o mar
Neste sentido, o candidato do BNG insistiu na necesidade de acadar a transferencia a Galiza das competencias para a regulación e xestión en materia de dominio público marítimo- terrestre e de ordenación do litoral que interesa de maneira especial no noso país e é secundarizado no goberno estatal. "Que non exista Ministerio de Pesca é un exemplo de que en Madrid non se lle dá relevancia a un sector que é crucial para nós co cal, é preciso que teñamos competencias plenas para a súa regulación", sinalou, pola súa parte, Rosana Pérez.
"Cun grupo galego forte esixiremos tamén en Madrid as transferencias de competencias do mar á Xunta de Galiza", apuntou a que, na actualidade, é a deputada de temas pesqueiros no Parlamento Galego e defenderá tamén os intereses do sector como deputada en Madrid.
"Levamos ao Congreso todos os problemas e preocupacións do sector do mar como a prohibición da frota de arrastre, a reclamación da baixada e axuda para os custos do gasóleo pesqueiro e e supresión do IVE aos produtos do mar cando se produciu a crise de prezos", explicou Néstor Rego que insistiu en que "se non é polo BNG, o mar galego ficaría esquecido en Madrid".