Néstor Rego sóbe a moto para pedir a transferencia de tráfico a Galiza
Advirte do incremento da sinistralidade nas estradas galegas e reclama medidas de protección para persoas motoristas e ciclistas en vías urbanas e interurbanas
O candidato do BNG ao Congreso por A Coruña, Néstor Rego sóbe a moto para reclamar a transferencia de Tráfico, circulación de vehículos e Seguridade viaria.
Nunha concentración de motos organizada polo BNG para visibilizar o incremento da sinistralidade nas estradas galegas, Rego anunciou que unha das propostas que defenderá no Congreso será reclamar “todas as competencias de Tráfico e Seguranza vial”, Galiza, dixo ten que contar xa cunha transferencia nesta materia ao que sumou o despregamento da “policía galega” coa aprobación da lei no ano 2007.
Na concentración moteira do BNG, celebrada hoxe en Compostela, Rego asegurou que a transferencia de Tráfico a Galiza está relacionada coas melloras da calidade de vida de todos os galegos e galegas porque, na actualidade, recalcou, os accidentes de tráfico son “un auténtico drama” agravado polas deficiencias nas infraestruturas galegas.
Rego afirmou que a transferencia de Tráfico a Galiza permitiría un mellor tratamento da rede viaria e avanzou que o BNG reclamará no Congreso a transferencia da AP-9 pero tamén, a autoestrada Santiago-Lalín ademais de toda a rede que agora depende do Estado coas chamadas estradas nacionais que atravesan núcleos de poboación, unha das “maiores fontes de sinistralidade”, enfatizou.
Como persoa que utiliza habitualmente moto, Rego cualificou que este colectivo é “un dos máis vulnerábeis” e o BNG proporá diversas medias de protección entre as que destacou a “substitución dos vellos gardarais por gardarais cun sistema de protección homologado para protexer ás persoas motoristas” xa que o actual sistema está causando unha grande sinistralidade no colectivo.
O candidato do BNG non esqueceu que os e as ciclistas tamén necesitan que se adapten as vías urbanas para garantir a súa seguridade.