Néstor Rego reclama soberanía para Galiza na homenaxe aos Mártires de Carral
O BNG entende que hoxe, como hai 175 anos, continúa sendo necesario denunciar o espolio ao que o país é sometido e o trato como “unha colonia da corte” en palabras de Antolín Faraldo.
A organización frentista chama a crear estruturas de Estado propias e no inmediato asumir todas as competencias que, por lei, pertencen ao pobo galego.
O Bloque Nacionalista Galega realizou esta segunda feira un acto homenaxe aos Mártires de Carral coa presenza do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego e a responsábel comarcal do BNG da Coruña, Vitoria Louro. A formación nacionalista conmemorou a revolución galega de 1846, encabezado por Solís e Faraldo, e chamou a Galiza a se “levantar da súa humillación e abatemento” como nesa altura fixeran os revolucionarios, o que hoxe en día significa reclamar a soberanía do noso País para sermos capaces de aproveitar as súas inmensas potencialidades e construír unha nova Galiza de progreso, benestar e liberdade.
O levantamento de 1846 daría orixe á primeira expresión de defensa da Galiza como País, baixo o movemento político e social denominado provincialismo- que a día de hoxe encarna o nacionalismo galego- produciuse como reacción ao centralismo e, particularmente, a eliminación do Reino da Galiza promovida polo liberalismo a partir de 1833. Mais tamén ao que os propios provincialistas de Antolín Faraldo denominaban “prostración da Galiza” como consecuencia de políticas económicas que a mantiñan na “humillación e abatemento” e que non lle permitían desenvolver as súas potencialidades e que provocaba, de forma moi visíbel, a “lacra da emigración que aínda continuamos a padecer”.
“Segue sendo necesario denunciar a crise industrial e económica que está a provocar unha nova vaga migratoria moi potente con máis de 300.000 persoas que tiveron que marchar da Galiza nos últimos anos, especialmente mozos e mozas ben formadas” subliñou Rego durante a intervención. Polo tanto, para o deputado “é preciso reclamar un cambio de modelo que leve que Galiza se goberne por si propia ao igual que aconteceu nese mes de abril de 1846, cun goberno galego que quixo actuar en función dos intereses da Galiza e das clases populares”.
Néstor Rego enfatizou a necesidade de superar o marco autonómico cun novo status que recoñeza a Galiza como nación e a súa capacidade de decidir e no inmediato reclamar todas as competencias que legalmente ten recoñecidas no Estatuto que, polo desinterese das forzas estatais, “continúan sen seren asumidas”.
En todo caso, o deputado do BNG salientou que Galiza non verá frutificar todas as súas potencialidades que permitan mellorar a calidade de vida e o benestar de todos os galegos e galegas sen ver recoñecido o exercicio pleno da soberanía para poder decidir sen cortapisas o seu futuro.