congreso

Néstor Rego reclama a Sánchez a priorizar a saúde das persoas frente aos intereses económicos das grandes farmacéuticas

O deputado nacionalista sinala que o Plan de Recuperación, hipercentralizado, agravará as diferenzas centro-periferia no Estado español e reclama un reparto xusto.

A formación nacionalista exixe que se cumpra o acordo de investidura para favorecer o desenvolvemento socioeconómico da Galiza.

 

No marco da comparecencia de Pedro Sánchez no Congreso, o deputado do BNG, Néstor Rego, reclamou ao Presidente dotar as Comunidades autónomas, após o 9 de maio, de mecanismos eficaces e xuridicamente seguros para afrontar o combate á COVID-19. Aliás solicitou ao Goberno rectificar o voto na OMC en contra de liberar as patentes e lembrou a Sánchez que debe cumprir o acordo de investidura co BNG.

Néstor Rego comezou instando o Goberno a recoñecer  que a adquisición de vacinas “resultou un fracaso que afectou gravemente a subministración e a administración destas”, dando como resultado que máis de tres meses despois de se iniciar aínda esteamos só en 7 % de persoas vacinadas. Rego salientou que limitar, como fixo a UE, a compra de vacinas a 4 compañías foi un erro. “Quedou en evidencia que estas grandes farmacéuticas priorizaron criterios de negocio fronte ao interese público de salvar vidas”.

Por iso, o deputado nacionalista convidou o Goberno a rectificar e a facelo tamén en relación co voto na OMC no mes de novembro en contra da proposta de India e Sudáfrica de liberar as patentes das vacinas, “porque isto é fundamental para que a vacinación poida avanzar en todo o mundo e se consiga canto antes inmunizar o conxunto da poboación mundial. Aposten por priorizar a humanidade, a saúde e a vida das persoas frente ao negocio do Big Pharma”, salientou Rego.

O deputado nacionalista expresou a preocupación do BNG por como se vai a enfrontar o combate ao virus despois de 9 de maio. “Entendemos que é fundamental manter o principio de precaución e por iso, se o goberno opta por dar por finalizado o estado de alarma en maio, é imprescindíbel que exista unha norma de  desescalada adaptada ás circunstancias presentes que ademais facilite instrumentos de xestión eficaces e xuridicamente seguros ás Comunidades Autónomas”.

En relación co plan de recuperación Néstor Rego criticou a Sánchez a opacidade do Goberno. “Levan meses negociando coa Unión Europea sen que este parlamento e a sociedade teñan información clara nin de cales son as exixencias da Unión europea nin tampouco de cales son as propostas que o goberno está disposto a asumir”.

Neste sentido, Rego advertiu sobre a evidencia de que lamentabelmente se vai perfilando un deseño de xestión dos fondos do que se van beneficiar principalmente as grandes empresas,  hipercentralizado e cun papel subsidiario das Comunidades Autónomas, “que vai agudizar as diferenzas centro-periferia no Estado, que non aborda os temas máis urxentes e que baixo un envoltorio de ‘verde’ e ‘dixital’ volve a ser negocio para os de sempre”, polo que reclamou unha mudanza de criterios e unha repartición xusta dos fondos.

Rego advertiu que o BNG está sempre disposto ao diálogo e á colaboración en todo aquilo en que poida coincidir cos partidos do Goberno, mais que “para que iso sexa posíbel e frutífero o goberno ten que cumprir os seus compromisos, tanto a derrogación da reforma laboral, das pensións ou da lei  mordaza como o conxunto do Acordo de Investidura asinado en xaneiro de 2020”.

Dado que o debate se produce no día en que se fan 90 anos da proclamación da II República, o deputado do BNG encerrou a súa intervención cun “ Saúde e República Galega”.