Néstor Rego reclama ao Ministerio que “atenda xa a modernización das conexións ferroviarias de Ferrol”
BNG avanza iniciativas no Congreso para que se atendan as demandas en materia de conexión ferroviaria: modernización da liña Ferrol-A Coruña, construción do baipás en Betanzos e a adecuación do FEVE.
Iván Rivas cualifica de “decepcionante e indignante” o silencio do alcalde de Ferrol e o PP municipal após a reunión de Ábalos con Feijóo.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o voceiro municipal da formación no Concello de Ferrol, Iván Rivas, reclamaron a dotación de partidas orzamentarias específicas para dotar a Ferrol de conexións ferroviarias á altura do século XXI.
“Hai décadas que o BNG vén traballando porque se atenda a necesidade de modernización das conexións ferroviarias de Ferrol co resto da Galiza: no norte co FEVE e fundamentalmente a conexión coa cidade da Coruña e o Eixo atlántico” destaca o deputado do BNG, Néstor Rego.
Así mesmo lembrou que no acordo de investidura asinado polo BNG e o PSOE “figura a modernización da rede ferroviaria interna e, explicitamente, a da liña entre A Coruña e Ferrol, o baipás de Betanzos ou a modernización da liña e o servizo de FEVE que articula todo o norte do noso País”. De facto, nos últimos Orzamentos do Estado, o BNG presentou tres emendas en relación ás conexións ferroviarias de Ferrol que servirían, nunha programación plurianual, para comezar os traballos de licitación. En concreto, unha partida de 10 millóns de euros para a modernización da vía Ferrol-A Coruña; outra de 10 millóns para o baipass de Betanzos e outros 10, para a liña de FEVE.
Estas emendas foron votadas en contra por PSOE e UP e, para a organización nacionalista, “que veñan agora a dicir que o colocan na axenda cando hai catro meses votaron en contra é de burla”. Nese sentido, o deputado nacionalista avanza que seguirán traballando e insistindo para que o Ministerio “atenda xa a modernización das conexións ferroviarias de Ferrol”.
“Esta cidade non pode seguir esperando porque todos sabemos que a existencia dunha rede de comunicacións completa e moderna é unha premisa para o desenvolvemento social e económico dunha cidade e dun País” salienta Rego. Precisamente Ferrol, unha comarca que se atopa nun declive industrial continuado, co fechamento de empresas necesita con urxencia mellorar as súas comunicacións.
Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG en Ferrol, Iván Rivas, subliñou as carencias da cidade en canto a infraestruturas e cualificou a xuntanza entre Ábalos e Feijóo de “indignante” ao non prever ningunha actuación para mellorar a comunicación de Ferrol coa cidade da Coruña e co conxunto da Galiza. Así mesmo, criticou o silencio cómplice do alcalde da cidade e do voceiro do Partido Popular “ante o resultado desa reunión”. “Os estudos que se lanzan desde a equipa de gobernl como cortina de fume limítanse a recoller o que no BNG vimos demandando: unha conexión coa cidade da Coruña áxil e eficaz. Mais tamén fantasiosos porque propoñen 700 millóns de euros cando o Estado é incapaz de asumir un mínimo de investimento” concluíu Rivas.