Congreso

Néstor Rego reclama ao goberno un reparto xusto dos fondos europeos que non discrimine a Galiza

Néstor Rego alerta das posibles condicións antisociais dos fondos europeos e reclama unha xestión descentralizada que teña en conta as  peculiaridades de cada nación ou de cada Comunidade Autónoma en aspectos clave para que sexa xusta. No caso da Galiza, factores como a dispersión poboacional, o envellecemento ou a  fenda dixital deben ser tidos en conta para que o noso País non salga de novo prexudicado.

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, sinalou na comparecencia de Pedro Sánchez para dar conta das cume europeas, que existe unha condicionalidade dos fondos que se van a recibir e “que é aínda unha incógnita” porque o Presidente do Goberno hoxe non a desvelou.

Rego advertiu que os fondos europeos, que o goberno cualifica como unha oportunidade histórica, “poden ser unha oportunidade perdida -polo menos desde a perspectiva das maiorías sociais e dos pobos- en función da xestión que fagan deles e das contrapartidas que esixa a Unión europea que estean dispostos a aceptar”.

Nese sentido, o portavoz do BNG no Congreso alerta de que os indicios sobre as esixencias europeas “apuntan cara ás vellas receitas neoliberais: redución do gasto público, salarios, pensións, manter as reformas antisociais do PP. Supoñemos que o anuncio onte do ministro Escrivá de aumentar o cómputo das pensións é un globo sonda ou un dos primeiros pasos nesa dirección”.

Ademais, Rego advirte que o Estado español vai ter que devolver todos os fondos europeos, non só os préstamos, “sexa pola vía das contribucións, da redución dos fondos de compensación, a transición xusta ou a PAC ou por outras vías”.

En relación coas axudas “teoricamente non condicionadas máis aló das liñas estratéxicas dos seus usos”, Néstor Rego destacou tres retos dos que se expoñen: O primeiro, é definir o modelo de repartición dous fondos. O BNG cre que sería un erro ir, como todo parece indicar, a un modelo centralista de repartición. Pola contra, a fronte  nacionalista defende unha repartición e unha xestión descentralizada que axilice e que ademais teña en conta as peculiaridades de cada nación ou de cada Comunidade Autónoma en aspectos clave para que sexa xusta.

Como exemplo, Néstor Rego puxo, no caso de Galiza, características como a  dispersión poboacional, o envellecemento ou a fenda dixital. “Xa abonda de repetir os vellos esquemas dos gobernos españois que prexudican a Galiza -a última co fondo  COVID- priorizando criterios como o peso poboacional sen ponderalos con outros que sen dúbida inflúen nos custos e por tanto na calidade de vida e o benestar” salientou.

En segundo lugar, Rego cuestionou quen, como e con que criterios defínense os proxectos se se quere que respondan de verdade o interese social e das maiorías sociais. “Isto non se pode converter nun revival do Plan E de Zapatero en versión dixital, nin tampouco nunha vía de negocio para as grandes empresas do Ibex-35 en que o  público xogue un papel residual” subliñou.

Ademais, o deputado nacionalista criticou a opacidade do Goberno a respecto destas axudas e preguntou ao Goberno de que forma a xente, as pequenas e medianas empresas, saberán como tentar participar deses fondos. “Non sabemos, por exemplo, con que criterios algúns gobernos -como fixo o do Partido Popular en Galiza- xa  anuncian que apoiarán determinados proxectos, sen convocatorias públicas e sen posibilidade de concorrencia competitiva”.

O BNG cre que non só hai que acertar cos criterios senón ter unha administración ou administracións -razón de máis para descentralizar- capaces de xestionar estes fondos para poder aproveitalos na súa totalidade, con rigor e con todas as garantías.

Rego finalizou reclamando ao Goberno un uso dos fondos con criterio social e público e ademais unha repartición xusta para o noso país “para que non se repita a discriminación a Galiza que acaban de cometer cos Orzamentos Xerais do Estado. É máis, deberían aproveitar estes fondos para compensar esa discriminación”.