Néstor Rego reclama ao Goberno do Estado que facilite o relevo xeracional no rural galego
O deputado nacionalista propón que os traspasos ou cesións de explotacións agrogandeiras entre familiares queden exentos de tributar por non haber intercambio económico nin incremento patrimonial.
BNG urxe ao Administración do Estado a incentivar e garantir a fixación de poboación no rural galego.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado estabeleza unha exención na tributación pola cesión ou o traspaso de explotacións agrogandeiras entre familiares de até segundo grao. A medida camiña co obxectivo de facilitar o relevo xeracional e a incorporación das persoas máis novas ao mundo agraria e fixar poboación no medio rural. Unha medida que tamén suporía a continuidade das pequenas e medianas explotacións do rural galego cada vez máis minguante.
O Tribunal Económico-Administrativo galego ditaminou que se considere como ganancia patrimonial para os pais ou nais a cesión da súa explotación agropecuaria aos seus fillos e fillas. Os traspasos ou cesións terán que ser tributados o que suporá a diminución da economía familiar a pesar de que esta acción non supón tipo de enriquecemento patrimonial nin de que exista un intercambio económico.
“Esta resolución supón un duro golpe para a economía familiar e a das explotacións do medio rural galego. Resulta incompatíbel a exixencia do pago deste tipo de impostos coa potenciación da substitución ou o relevo xeracional e a incorporación de xente moza no mundo agrario” enfatiza o deputado, Néstor Rego. O rural galego “débese manter vivo e en boas condicións socioeconómicas” coa implicación de todas as administración públicas, “incluída a Administración Xeral do Estado” para “garantir que se favoreza a fixación da poboación no rural e a incorporación de persoas mozas nas explotacións gandeiras e agrarias”.
Por este motivo, Rego urxe ao Goberno do Estado a que se estabeleza unha exención na tributación pola cesión ou traspaso de explotacións agropecuarias entre familiares de até o segundo grao para facilitar así a substitución xeracional, a incorporación de persoas mozas ao mundo agrario e a fixación de poboación no medio rural. Unha iniciativa “que aposte polo relevo xeracional e evite a precarización das familias”.
“Na maior parte dos casos os cesionarios xa viñan traballando ou colaborando na xestión, pero deciden dar un paso, actualizar a titularidade, e apostar por unha renovación e modernización da explotación” destaca o deputado nacionalista. En ningún caso este tipo de operacións suporían “unha venda, nin existiría un incremento patrimonial, que segue sendo familiar”. Rego afirma que se deben declarar os ingresos á Axencia Tributaria cando se produzan, mais “entendemos que neste caso o incremento patrimonial só se da sobre o papel e non hai intercambio económico”.
A formación nacionalista lembra que o mesmo Tribunal xa resolveu no pasado a favor da non tributación diante da AET no caso de traspasos patrimoniais entre cónxuxes en réxime de gananciais, decisión que tivo un efecto positivo e evitou a precarización das familias.