congeso

Néstor Rego reclama ao Goberno datas alternativas para realizar o MIR en caso de afección pola COVID-19

Néstor Rego
O Ministerio impedirá o acceso aos lugares de exame daquelas persoas que presenten síntomas compatíbeis coa COVID ou que por ter dado positivo ou manter contactos estreitos deban estar en confinamento domiciliario, por iso o BNG reclama que se habilite outra data e facilitar a incorporación de máis profesionais sanitarios no sistema público de sanidade.

O deputado do BNG, Néstor Rego, ven de rexistrar no Congreso varias preguntas sobre os exames de acceso á formación sanitaria especializada, coma por exemplo o MIR, e que están previstos para o vindeiro 27 de marzo, nas que exixe ao Goberno habilitar datas alternativas para as e os estudantes que non poidan realizar as probas por estaren en confinamento tras dar positivo en COVID-19 ou ter síntomas da enfermidade.  “Debe facilitarse a incorporación de profesionais sanitarios, non dificultarse”, sinala Néstor Rego, e así mesmo sinala que “a preocupación do Executivo debera ser rematar coa precariedade e temporalidade do Sistema Público de Saúde, para o que é imprescindíbel eliminar a taxa de reposición”.

O 2 de decembro do ano pasado foi publicada a Orde en que se aprobaban as prazas e a convocatoria de probas selectivas 2020 para o acceso no ano 2021, a prazas de formación sanitaria especializada para as titulacións universitarias de Medicina, Farmacia, Enfermería, etc. Na convocatoria establecíase que o día na que se realizaría a proba sería o 27 de marzo de 2021. Mais a pesar de que o Ministerio coñecía que as probas se realizarían en plena pandemia, a Orde non recolle ningunha previsión sobre posíbeis incidencias relacionadas coa COVID-19.

Neste sentido, o BNG, tras coñecer as instrucións complementarias que se publicaron posteriormente e nas se prohibe acudir a aquelas persoas que teñan algún tipo de síntoma relacionado coa COVI-19, critica que non se facilite a realización destas probas para aquelas persoas contaxiadas ou en confinamento. A formación nacionalista cre “totalmente inxusto” postergar a posibilidade de examinarse durante, alo menos, un ano máis, cando “sería perfectamente posíbel ofertar unha data alternativa de exame que garanta a igualdade de oportunidades entre todas as persoas que participan na convocatoria”. 

En consecuencia, a organización nacionalista trasladou ao Ministerio a necesidade de que se fixe outra data de exame pois “a convocatoria xa se retrasou debido a pandemia e é inaceptábel que non se prevexa unha data alternativa. Non se pode privar da posibilidade de realizar o exame a aquelas persoas que deban estar confinadas” apunta Rego.

Na actual situación de emerxencia sanitaria e pandemia “é urxente facilitar a incorporación de máis profesionais sanitarios para atender a demanda do sistema público de saúde dando cobertura as novas necesidades asistenciais. Non podemos dificultar e pór trabas ao seu acceso” explica o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego. “Hai que lembrar que unha das recomendacións da Comisión para a Reconstrución do Congreso, incorporada a instancia do BNG, era a eliminación da taxa de reposición para garantir a cobertura total das vacantes de forma estábel e a incorporación de novo profesionais. O Goberno ten que eliminala” incide o deputado nacionalista.