Néstor Rego: “Queremos acabar coa estafa legalizada das portaxes da AP-9”
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participa xunto a voceira municipal, Goretti Sanmartín, na caravana automobilística convocada este domingo na cidade de Santiago de Compostela para exixir a aplicación das medidas recollidas no acordo de investidura na autoestrada do Atlántico. A organización nacionalista reclama rematar coa “estafa legalizada” que supón ter as portaxes máis caras do Estado español e sinala o efecto negativo que ten para o desenvolvemento social e económico da Galiza.
Este domingo, máis unha vez o BNG convocou unha caravana automobilística para reclamar unha “AP-9 galega e sen peaxes” na cidade de Santiago de Compostela. Após máis de tres meses esperando a que o Goberno do Estado aplicase as medidas recollidas no acordo de investidura asinado co BNG, a formación nacionalista reclama que se cumpra e se apliquen de maneira inmediata aquelas relativas a autoestrada da AP-9: bonificación do cen por cen para usuarias recorrentes, eliminación das portaxes no tramo Vigo-Redondela e mesmo a absorción das subas previstas nos convenios asinados en 2011 e 2013.
Rego lembrou que este mércores na sesión de control ao Goberno, a formación nacionalista preguntou sobre a aplicación destas medidas sendo moi positivo que o Ministro de Transportes reafirmara o seu compromiso co cumprimento do acordo do BNG” mais “evitou unha concreción sobre cando tiñan que entrar en vigor esta medidas de desconto das peaxes da AP-9”. A Néstor Rego non lle parece aceptábel porque “tiveron tempo máis que suficiente para poñelas en marcha”.
En todo caso, o BNG anunciou que seguirá traballando para que se apliquen canto antes estas medidas e co obxectivo xeral de que a AP-9 “acabe sendo galega” completando a tramitación da transferencia “e libre de peaxes”. A formación nacionalista entende que é unha autoestrada “que está máis que amortizada despois de máis de corenta anos de concesión”.
“Queremos rematar con esta estafa legalizada que repercute negativamente nas nosas empresas, na nosa competitividade e que está afectando directamente ao desenvolvemento social e económico do noso país” afirmou o deputado do BNG. A organización nacionalista sinalou que a aplicación destas medidas é “urxente” e que sería un beneficio para “as traballadoras e traballadores que teñen que empregar a autoestrada por motivos laborais e tamén a prol do sector do transporte”.