congreso

Néstor Rego propón un Plan Industrial para os estaleiros de Ferrol

Néstor Rego
BNG aposta por diversificar a actividade dos estaleiros coa eólica mariña flotante pero mantendo sempre a construción naval, incluída a civil, e exixe maior implicación das administracións a través dun calendario e investimento específico.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de presentar na cámara estatal unha Proposición Non de Lei para a creación dun Plan Industrial para a comarca de Ferrol. A través da creación dunha Mesa que promocione e diversifique a actividade dos estaleiros da ría de Ferrol, a formación nacionalista reclama eliminar todas as trabas e restricións actuais que impiden a construción naval civil en Ferrol, co obxectivo de que se permita traballar a Navantia e haxa unha implicación maior por parte das administracións.

O Plan Industrial que precisa a comarca de Ferrol é “unha promesa incumprida dos distintos gobernos do Estado español” segundo sinala o deputado nacionalista. “Mais é simple: débese permitir que Navantia poida traballar eliminando as restricións actuais e aproveitando todos os segmentos da actividade que potencialmente poida concorrer nas instalacións da ría de Ferrol” afirma Rego.

Por este motivo, o BNG presentou no Congreso unha iniciativa para asegurar o futuro da comarca de Ferrolterra. “Hai que facilitar a participación da Xunta de Galiza no Consello de Administración de Navantia e constituír unha mesa de ámbito galego para a promoción e diversificación de actividades nos estaleiros da ría” expón o deputado do BNG. Posibilidade prevista tanto no artigo 55 do Estatuto de Autonomía da Galiza coma no artigo 4 da Lei de Fomento do Sector Naval.

A organización nacionalista reivindica potenciar a participación de Navantia ría de Ferrol no sector da eólica mariña flotante “con recursos propios ou manténdose, cando for posíbel, como socia maioritaria nas UTE con Windar ou con calquera outra empresa ou sociedade. Así mesmo, Néstor Rego incide na necesidade de dotar a fabrica de turbinas de dirección e recursos propios para a definición de novos produtos “destinados ao sector das enerxías renovábeis, en xeral, e para fomentar a súa introdución e participación nos contratos da eólica mariña, en particular”.

Alén do mais, exixen introducir na fábrica de turbinas naqueles segmentos de actividade “relacionados con novos modelos sustentábeis de mobilidade marítima” así como promover e procurar “colaboracións con centros de investigación ou empresas que fosen precisas”.

Por outra banda, Rego explica que na proposta tamén se recolle a necesidade de “concretar un plan de investimentos destinado a modernización das infraestruturas, talleres de prefabricado, diques de nova construción ou para a súa posíbel reparación”. Coa mellora das instalacións poderase atender tarefas de reparacións mentres se ten en marcha unha encarga dun novo buque, o que é imposíbel co dique actual. 

Na actualidade Navantia só conta cun dique que poida acoller buques de grandes dimensións, polo que o estaleiro vese obrigado a renunciar a contratos por falta de dispoñibilidade, unha media de 5 buques por ano durante os últimos 10 anos. Neste sentido, “acometer as obras para un novo dique seco específico para reparacións sería importante non só para atender a demanda xa existente, senón para poder aspirar a novos mercados por tipoloxía de buques, así como para compatibilizar eses traballos cos das grandes transformacións, e non desatender outros potenciais clientes durante todo o tempo en que se manteña a ocupación do dique”.