Néstor Rego presenta as emendas rexistradas aos OXE de 2022 para mellorar os investimentos na comarca de Pontevedra
BNG exixe a mellora da seguranza viaria para conectar as diferentes localidades e proxectos de humanización nas vilas que atravesan as N-550, N-541 e a N-640.
Destaca tamén as referidas á conservación do medio natural e a colaboración do executivo estatal na habilitación de espazos museísticos.
O deputado nacionalista mantén unha xuntanza con representantes do BNG das diferentes localidades da comarca de Pontevedra-Caldas
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia as emendas parciais presentadas para ao Proxecto de Lei Orzamentos Xerais do Estado de 2022 para a comarca de Pontevedra e a cidade. Un conxunto de actuacións que contribuirían a mellorar a calidade urbana e ambiental, a calidade de vida do conxunto da cidadanía. Rego destaca o proxecto de rehabilitación do Museo de Pontevedra, a mellora na seguranza viaria da N-550, N-640 e N-541 e a conservación do medio como a rexeneración da Illa de Tambo.
Rego estivo acompañado de representantes do BNG das distintas localidades da comarca de Pontevedra, como Barro, Caldas de Reis, Cercedo-Cotobade, Moraña, Poio, Pontecaldelas, Pontecesures, Sotomaior ou Vilaboa, así como polo alcalde da cidade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Nesta xuntanza puxeron en común os aspectos máis relevantes das distintas emendas presentadas pola organización nacionalista ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado de 2022 que, de aprobarse, permitirían avanzar en actuacións necesarias e de grande importancia para os distintos concellos. O deputado nacionalista considera necesario que se mellore o investimento territorializado na Galiza e compensar así o déficit histórico nas infraestruturas do noso País.
Ademais das emendas de carácter nacional, referidas ás melloras do transporte ferroviario tanto de persoas como de mercadorías, e a implantación do servizo de cercanías, Rego destacou as emendas referidas á cidade de Pontevedra e á comarca. Así, incluíuse rehabilitación e restauración do Museo de Pontevedra para a rehabilitación dos edificios orixinais “mesmo coa posibilidade de incorporar o convento de Santa Clara adquirido polo Concello”. O Estado debe participar e colaborar na conservación, exhibición da colección arqueolóxica máis importante da Galiza e a obra de Castelao, imprescindíbel para coñecer e comprender a Galiza contemporánea.
Tamén é de remarcar a partida reclamada par acometer a rexeneración de toda a frente marítima, dos terreos de costas -que precisan unha intervención urxente- e completar o paseo peonil entre Pontevedra e Marín á beira da Ría. Na actualidade, o MITECO está executando este paseo mais só até a parroquia de Lourizán por iso son necesarias novas partidas para completalo.
Xa no ámbito comarcal, e respecto da recuperación patrimonial, Rego destacou a emenda presentada co obxectivo de rexenerar a Illa de Tambo ao considerala como un enclave medioambiental, a súa restitución para uso civil e incorporala ao Parque das Illas Atlánticas, son obxectivos tamén da organización frentista coa posterior transferencia a Galiza e a súa xestión e aproveitamento desde o concello de Poio.
Partidas diversas, tamén, para actuar tamén na N-550 co obxectivo de mellorar o seu estado e a seguranza viaria nos concellos de Pontecesures, Caldas, Barro, Pontevedra e Soutomaior. “Actuar tamén sobre a N-640 para urbanizala e mellorala en Caldas ou no Concello de Cuntis, así como executar a variante de Caldas” explica Rego. Así mesmo, reclama a través de partidas orzamentarias a mellora da seguranza viaria na N-541 “nos concellos de Forcarei e Cercedo-Cotobade”.
“Son actuacións polas que a veciñanza leva moito tempo agardando e esperamos, polo tanto, que os partidos que conforman o goberno español teñan a suficiente sensibilidade como para atender estas demandas de Pontevedra e que rexistra o BNG” subliña o deputado nacionalista. “De saír aprobadas” conclúe Rego “sairía gañando toda a cidadanía da comarca de Pontevedra”.