Congreso

Néstor Rego pide ao Ministro de Sanidade a realización de test masivos a toda a poboación

Néstor Rego demandou ao Ministro de Sanidade a dotación de EPIs a todas as persoas que deban intervir en zonas de risco.

O BNG reclama intervir a sanidade privada, ante a situación que estamos a padecer, para poñela á disposición, enteiramente, do esforzo público de contención do COVID19.

O deputado nacionalista propón recuperar os 60.000 M€ do rescate bancario, impor tributos ás grandes fortunas e empresas e nacionalizar as grandes corporacións dos sectores estratéxicos que nunca deberon ser privatizadas para garantir que a crise non a pagan, máis unha vez, as clases populares.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, insistiulle ao Ministro de Sanidade na aplicación de tres medias de forma urxente: a realización de test masivos á poboación, empezando polos sectores e zonas de maior risco, como residencias de persoas da terceira idade; a dotación de EPIs a todas as persoas que deban intervir en zonas de risco  e, por último, a intervención da sanidade privada para poñela a disposición, enteiramente, do esforzo público de contención do COVID19. O BNG non entende que se monten hospitais de campaña precarios -co risco que isto supón- cando segundo informacións reiteradas e non desmentidas, existen aínda numerosas camas sen ocupar en centros privados, mesmo más de 2.000 de UCI.

Néstor Rego salientou o espírito de colaboración do BNG para atallar a pandemia. “Demostrámolo no Pleno da pasada semana, no que votamos a favor da prórroga do Estado de Alarma a pesar de que o goberno rexeitou todas as nosas propostas de modificación” afirmaba o deputado. O BNG celebra que finalmente se paralizase a actividade económica non esencial. “Alegrámonos de que 3 días despois vostedes decidisen rectificar porque, aínda que sexa tarde, neste caso non cabe ningunha dubida de que vale máis tarde que nunca”, mais tamén lle trasladou ao Ministro a preocupación de que se estea cedendo ás presións das corporacións empresariais, e se estea comezando a dar marcha atrás pola vía interpretativa, relaxando a paralización nalgúns ámbitos polo cal, Néstor Rego lembrou que “a prioridade é salvar vidas, non as contas de resultados”.

O deputado do BNG pediu reverter todo o proceso de centralización do operativo de loita contra o coronavirus. Os nacionalistas defenden que é preciso un plan por territorios para responder ás características específicas de cada un. “A centralización demostrouse falida e ineficaz desde o punto de vista práctico, porque retirar competencias a quen mellor coñece as características do noso país, as necesidades e os medios de que hai que dispor, nunca é unha boa idea” afirmaba Néstor Rego. Dende o BNG seguen defendendo a idea de blindar Galiza e poñen o exemplo de como Finlandia blindou Helsinki para salvar Finlandia.

Néstor Rego salientou a plena confianza do BNG na capacidade no persoal sanitario, en todos os e as profesionais do Servizo Galego de Saúde, e enfatizou que, aínda en condicións difíciles despois de anos de maltrato á sanidade pública, dan o mellor de si para atallar esta emerxencia sanitaria. Rego critica que a decisión de centralizar o mando foi aproveitada de forma descarada polo Presidente da Xunta “que recortou, precarizou e privatizou a sanidade pública, para tratar de ocultar a súa propia inacción, inoperancia e incapacidade co permanente pretexto de que non ten competencias”.

 En canto ás medidas económicas que está adoptando o goberno, a valoración do BNG segue sendo que son insuficientes para protexer aos sectores sociais e económicos máis vulnerábeis, cando non inxustas. Néstor Rego explicou na Comisión de Sanidade que os criterios de reparto do FSE de 300 millóns de euros que discrimina a Galiza, ao non ter en conta suficientemente as características como envellecemento ou dispersión territorial.

O nacionalista denunciou que as axudas establecidas son insuficientes para os sectores máis afectados e afectadas, para os traballadores e traballadoras e para as persoas autónomas e pequenas empresas. O BNG critica que se optase por favorecer os ERTES en vez de prohibir o despido e apoiar ás empresas para manter o salario e incluso aquí, no último decreto relaxouse a garantía de mantemento do emprego durante 6 meses.

Néstor Rego criticou que toda esta secuenciación de decisións provoca, polo menos tres situacións diferentes no ámbito laboral: a de aquelas persoas, especialmente con contratos temporais e de ETTs, que xa foran despedidos antes do 14 de marzo, os que pasaron a ERTES -xa máis de 150.000 en Galiza- con perdida de salario e vacacións e os que deben recuperar as horas non traballadas.

O deputado nacionalista destacou que hai outras vías para evitar que a crise económica a paguen, unha vez máis os traballadores e traballadoras, as clases populares. Nesa liña defendeu “recuperar os 60.000 M€ do rescate bancario, impor tributos ás grandes fortunas e ás grandes empresas e tamén nacionalizar as grandes corporacións dos sectores estratéxicos que nunca deberon ser privatizadas”.