Néstor Rego: “Pediremos a retirada dos POEM e mudanzas nas políticas eléctricas para garantir a viabilidade de Alcoa”
“Retiren os POEM: son polígonos industriais na nosa costa”
O BNG solicitou a comparecencia da Ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, que se producirá na tarde desta terza feira, e nela Rego exporá a situación que padece Galiza “de espolio eólico, con máis de 300 proxectos de grandes parques eólicos en mans grandes empresas eléctricas, á custa de sacrificar amplas zonas do noso País cunha afectación ambiental, patrimonial, social e económica moi importante sen que impliquen ningún tipo de beneficio.
Demandará á ministra a retirada dos POEM: “que prevén que 50% da eólica mariña se instale na costa galega, en zonas de alta sensibilidade ambiental e de afectación ao sector pesqueiro. “Non estamos dispostos a que sexa sacrificada a pesca galega para que só se beneficien 2-3 grandes empresas que non deixan beneficio no noso pais” e engadiu que “hai que eliminar as posibilidades de implantación de polígonos industriais na nosa costa”, en referencia á eólica mariña.
Alcoa: modifiquen o Estatuto do Consumidor Electrointensivo
Rego explicou aos xornalistas que se reuniu co comité de Empresa de Alcoa, ante a pretensión da empresa de incumprir o compromiso de reiniciar as cubas e de ameazar con despedimentos, nunha “actividade económica que xera moitos postos de traballo na Mariña mais que tamén é importante para o conxunto da Galiza e mesmo no Estado español porque o aluminio é un sector estratéxico. Se fecha, o estado español terá unha dependencia absoluta de terceiros países”, advertiu.
Alertou da situación inestábel de Alcoa San Cibrao: “a empresa pretende incumprir o compromiso asinado hai dous anos de reiniciar as cubas neste mes de xaneiro de 2024”. A aposta do BNG é unha intervención pública de Alcoa, para que “o Estado garanta a continuidade desta actividade”. Aliás, Rego anunciou que o BNG vai reclamar á Ministra esta tarde “modificacións nas políticas do Estado que fagan posíbel a súa viabilidade, especialmente en relación coa subministración eléctrica, cunha tarifa eléctrica galega que abarate os custos, que elimine os custos de transporte e que faga que empresas galegas sexan competitivas”, ademais da modificación do Estatuto do Consumidor Electrointensivo para estabelecer a categoría de hiper-electrointensivo que é o caso de Alcoa”.
En canto á marea de plásticos, sinalou que vai reclamar a Ribera axilidade na coordinación coa Xunta no combate contra o vertido de pellets. “Esta situación está a xerar grande alarma social, especialmente pola actitude do Goberno do PP na Galiza, de ocultamento, incompetencia, mentiras e manipulacións. Unha actitude que xa contou cunha reprobación na manifestación masiva en Compostela neste domingo, para criticar a nefasta xestión do Goberno galego e pedir axilidade na resposta desde a colaboración por parte dos dous gobernos”.
Mar Vermello: “A única forma de restaurar a seguridade na navegación é terminar co xenocidio en Gaza”
Rego reclamará na comparecencia da Ministra de Defensa esta semana clareza na posición do Goberno sobre a misión militar impulsada por EE.UU no Mar Vermello. “O Goberno español parece que xoga ao despiste. Un día parece que vai participar e ao día seguinte parece que descartan facelo. O BNG teno claro: somos absolutamente contrarios á participación do estado español nesa misión militar. Sería inxusta e inxustificada e co risco de se implicar nun conflito militar rexional que pode escalar”.
Rego sinalou que “a mellor e máis rápida forma de voltar á seguridadena navegación marítima no Mar Vermello é acabar co conflito en Palestina e co xenocidio en Gaza. E nunca estaremos de acordo en participar nunha misión que só responde aos intereses do imperialismo e que pretende salvagardar os intereses de Israel”.
Comparecencia do Ministro de Transportes por solicitude do BNG
Mañá (cuarta feira, 24) comparecerá, por solicitude do BNG, o Ministro de Transportes ao que o BNG vai reclamar “que cumpra os Acordos asinados en materia de infraestruturas ferroviarias, especialmente aqueles que teñen que ter reflexo orzamentario, como o estudo para a implantación das cercanías ferroviarias nas áreas urbanas. Mais tamén imos exixir unha actuación áxil para terminar dunha vez por todas cunha situación recorrente de incidencias, avarías, caídas de tensión como na Coruña ou Vigo, que xeran malestar e protestas das persoas usuarias, e que teñamos un servizo fiábel”.