Néstor Rego: “A non derrogación da Lei Mordaza é máis un exemplo dos compromisos incumpridos polo Goberno”
O BNG denuncia a cesión de PSOE e UP ás presións do Estado profundo e alerta de que “mercar o relato da dereita non vai facer que esa pretendida esquerda que goberna teña máis apoio electoral”
“PSOE e UP néganse a derrogar os aspectos centrais e nucleares da lei. Aqueles precisamente que foron máis criticados polo conxunto da sociedade porque vulneran dereitos cívicos, dereitos democráticos e liberdades públicas” alega
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia un novo incumprimento do Goberno do Estado ao negarse a derrogar de maneira íntegra a Lei de Seguranza Cidadá, tamén coñecida socialmente como Lei Mordaza, e aspirar única e exclusivamente a “intentar reformala con aspectos cosméticos” sen eliminar os aspectos centrais. A frente nacionalista sinala como culpábeis da non derrogación da Lei Mordaza a PSOE e a UP por ceder ao discurso da dereita e a ultradereita e alerta de que “mercar o relato das forzas conservadoras non fará que a esquerda teña máis apoio electoral, senón todo o contrario”.
Rego lembra as declaracións de Pedro Sánchez, antes de ser Presidente do Goberno, en que afirmaba que a Lei Mordaza “duraría o mesmo que o Goberno de Rajoy” porque sería inmediatamente derrogada. “Pasaron cinco anos desde que o PSOE está no Goberno, máis de tres do Goberno de coalición con UP e estas forzas incumpren o seu compromiso de derrogala” apunta.
“Intentan reformala en moitos aspectos cosméticos, pero mantéñense os elementos centrais da Lei Mordaza. Aqueles precisamente que foron máis criticados polo conxunto da sociedade porque vulneran dereitos cívicos, dereitos democráticos e liberdades públicas” sinala Rego. Unha Lei, engade o deputado do BNG, que non repara na vulneración dos dereitos con tal de protexer a Policía. “Creada para atacar as protestas sociais e a disidencia política, con especial atención aos movementos soberanistas” subliña.
“PSOE e UP néganse a derrogar os aspectos centrais e nucleares da lei”: o artigo 36.6, que fala de desobediencia e resistencia á autoridade, considerado na lexislación vixente como infracción grave, da mesma maneira a negativa a identificarse. O mesmo no 37.4 que fala de infracción por falta de consideración a algún axente das Forzas e Corpos de Seguranza do Estado. “Tamén a negativa a prohibir as pelotas de goma, as devolucións en quente ou incluso como queda o principio de presunción de veracidade e o feito de que se considere suficiente a testemuña dos axentes para acreditar a comisión dun feito delitivo” denuncia. Así mesmo, adianta que na proposta formulada por PSOE e UP non se elimina a identificación preventiva das persoas aínda sen indicios da comisión dalgún delito.
“É un erro por parte de PSOE e UP negarse a derrogar realmente a Lei Mordaza, un erro que deriva da cesión ás presión do Estado profundo, incluso tamén dos sindicatos máis da ultradereita -JUSAPOL, JUPOL-” asevera Rego. Para o deputado do BNG, mercar o relato da dereita “non vai facer que esa pretendida esquerda que goberna teña máis apoio electoral, senón todo o contrario” finda.