Néstor Rego mantén reunión con Pedro Sánchez para falar das medidas post-COVID-19
O deputado nacionalista trasladou ao Presidente do Goberno as propostas do BNG para garantir unha saída social e xusta á crise.
Rego defendeu que é a hora de políticas realmente transformadoras no ámbito social, fiscal e económico e alertou da imposibilidade de que as vaia posibilitar un pacto coa dereita.
Néstor Rego mantivo na mañá desta quinta feira unha reunión virtual con Pedro Sánchez sobre as medidas que é preciso adoptar para enfrontar a crise económica e social en andamento. A reunión produciuse por iniciativa do Presidente do Goberno español, co obxectivo de trasladar a proposta de Mesa para a reconstrución social e económica, como ámbito de debate para consensuar un grande acordo entre todas as forzas políticas coas medidas para saír da crise. Unha proposta que, até o de agora viñeron denominando “Novos Pactos da Moncloa”.
O Presidente do Goberno non adiantou propostas concretas no ámbito económico e social e centrouse na necesidade de acordos e no procedemento proposto. Rego pola súa parte, aproveitou o encontro para trasladar a visión do BNG de que son necesarias políticas verdadeiramente transformadoras, no ámbito social, económico e fiscal, se se quer garantir unha saída social e xusta de crise para evitar que, unha vez máis a paguen os traballadores e traballadoras, as clases populares.
Nese sentido, Rego lembrou as propostas que o BNG xa veu facendo nos debates parlamentares sobre as medidas que o goberno veu adoptando, salientando que a vía social pasa por medidas como recuperar os millares de millóns do fondo de rescate bancario; por reducir o gasto militar, renunciando á compra de armamento previsto; por implantar unha nova política fiscal, realmente progresiva e redistributiva, que grave as grandes fortunas e as grandes empresas; por camiñar cara a un novo modelo produtivo, ou por nacionalizar as grandes corporacións dos sectores estratéxicos da economía (financeiro, comunicacións, telecomunicacións, enerxético...), comezando polas que xa foron públicas e que nunca deberon ser nacionalizadas.
O deputado nacionalista trasladou a Sánchez que o BNG estudará a proposta, mais adiantou que valora imposíbel que as medidas verdadeiramente transformadoras que acha necesarias poidan ser acordadas coas forzas da dereita. Rego afirmou que o BNG de ningunha irá apoiar políticas de recortes sociais, privatización ou precarización de servizos públicos ou de recentralización política, que son as receitas habituais tanto do Partido Popular como das outras forzas da dereita e ultradereita.
Nese sentido, Néstor Rego trasladou a Sánchez que mudar a orientación das políticas sociais económicas pasa por procurar acordos á esquerda e co soberanísimo das diferentes nacións do Estado.