congreso

Néstor Rego leva ao Congreso a baixada do IVE a 4% nos produtos pesqueiros

Néstor Rego
O deputado do BNG sinala que esta proposta beneficiaría as persoas consumidoras, pois facilitaría unha baixada dos prezos e o acceso a eses produtos polas persoas con rendas máis baixas, e tamén ao sector pesqueiro, pois axudaría á súa recuperación económica.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acaba de rexistrar iniciativas na cámara baixa para reclamar a modificación o Imposto sobre o Valor Engadido aos produtos pesqueiros e aplicarlles o tipo reducido de 4%. A formación nacionalista considera que, ao tratarse de bens de primeira necesidade, fomentaría o consumo destes alimentos, peixe e marisco, o que sería moi positivo pois permitiría un mellor acceso a estes produtos tan beneficiosos para a saúde das persoas e tamén axudaría á recuperación da economía do sector pesqueiro.

“A baixa do IVE ao chamado tipo superreducido de 4%, en lugar de 10% actual, é unha medida que equipararía os produtos do mar co resto de alimentos de primeira necesidade: pan, leite e os seus derivados, froita, verduras, cereais ou legumes” afirma o deputado do BNG, Néstor Rego. De facto, institucións internacionais como a OMS ou a FAO consideran o peixe como un alimento básico e esencial nunha dieta sa e equilibrada e mesmo indican que o seu consumo é beneficioso para a saúde cardiovascular.

No contexto actual, coa caída do emprego e a redución da capacidade de gasto das familias “vai producirse, con certeza, unha diminución da compra de peixe, pois non entrará no orzamento de moitas familias e, como consecuencia, incidirá negativamente na calidade da súa dieta” destaca Rego. Esta caída nas vendas tamén terá un efecto prexudicial para todo o sector pesqueiro galego, dificultando a recuperación económica. “As asociacións do sector da pesca e a acuicultura levan anos reclamando a baixada do Imposto aplicado nas vendas de peixe e marisco".

Por este motivo instamos ao Goberno do Estado a “que se aplique aos produtos do mar o IVE superreducido de 4%. Na  práctica totalidade dos países da Unión Europea o peixe e o marisco teñen xa un IVE máis baixo que o que se aplica actualmente no Estado español” subliña Néstor Rego destacando, por exemplo, o IVE de 3% en Luxemburgo e 5,5% de IVE no caso francés.

“Os beneficios que ten a introdución de máis peixe na dieta sobre a saúde das persoas deberían ser suficientes para que se modifique o IVE e así fomentar un maior consumo entre a poboación mais, a situación económica en que se encontras tanto a Galiza como o Estado español na actualidade, fai que a adopción desta medida sexa máis urxente do que nunca” destaca Rego. Neste sentido, a redución do IVE aplicado aos produtos pesqueiros “facilitará o acceso ao seu consumo a máis persoas, e especialmente as que se achan nunha situación de maior vulnerabilidade, o que supoñerá un factor positivo para a saúde de toda a poboación e, ao mesmo tempo, ese aumento de vendas permitirá a recuperación dun sector fundamental para a economía da Galiza, como é o pesqueiro” sinala finalmente o deputado no Congreso.