Néstor Rego: “O Goberno do Estado non pode seguir negando á Galiza o que ofrece a Aragón”

Néstor Rego

A frente nacionalista reclama a aplicación da Tarifa Eléctrica Galega para que a Galiza comece a beneficiarse da súa condición de País produtor excedentario de enerxía eléctrica, que mesmo xa cumpre os obxectivos de renovábel marcados pola UE para 2030

Rego exixe que se aplique o mesmo criterio á Galiza após coñecer que o Goberno do Estado abre a porta a compensar a Aragón

 

Madrid, 29 de novembro de 2022. Despois de coñecer a intención do Goberno do Estado de compensar a Aragón por ser un territorio produtor excedentario de enerxía renovábel, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama a aplicación do mesmo criterio para a Galiza e que sexa autorizada a Tarifa Eléctrica Galega. Para a frente nacionalista é de xustiza que o País se beneficie, dunha vez por todas, da súa condición de produtor excedentario de enerxía eléctrica, após asumir os custos sociais e ambientais e unha vez que supera xa os obxectivos marcados pola Unión Europea para 2030 canto á produción de enerxía a través de fontes renovábeis.

“Levamos décadas pagando as consecuencias sociais e ambientais dunha especialización de produción da enerxía eléctrica que nós non decidimos: primeiro, cos grandes saltos hidroeléctricos que anegaron vales enteiros; despois, coas térmicas que contaminaron o ar e, agora, cun espolio eólico depredador que pon en cuestión o modo de vida de todo o medio rural e da pesca galega con máis de 300 proxectos en tramitación” denuncia o deputado do BNG no Congreso. Rego lembra que a Galiza non se beneficiou en ningún momento desa condición de País produtor excedentario de enerxía eléctrica.

De facto, segundo os datos achegados pola Rede Eléctrica Española, en 2001 a Galiza xerou un total de 24.205 GWh e a demanda interna do País foi de 17.421 GWh. Mais, dese total de 24 mil xigavatios, practicamente 75% -18.000 GWh- proveñen de fontes renovábeis. “Isto quere dicir que a Galiza xa cumpriu, en 2020, o obxectivo que marca a Unión Europea para 2030 sobre a xeración de enerxía a través de fontes renovábeis” destaca Rego.

Alén do máis, o deputado do BNG recrimina que os case 7.000 xigavatios restantes son enviados a outras partes do Estado, sobre todo a Madrid, onde a produción eólica é cero. “Nós temos que pagar as consecuencias sociais e ambientais de que Madrid non teña parques eólicos” enfatiza o deputado nacionalista. A isto, cabe engadir que o Goberno do Estado sempre rexeitou a proposta do BNG para a aplicación dunha Tarifa Eléctrica Galega alegando que a tarifa debería de ser única.

“Curiosamente, onte Pedro Sánchez declaraba que a reclamación do Goberno de Aragón -do señor Lambán, do PSOE- dunha compensación pola produción de enerxía renovábel e por ser unha comunidade que xera máis enerxía da que consome era, literalmente, máis que razoábel” subliña. Ao que parece, o Goberno español valora compensar a Aragón con máis financiamento, máis investimento ou con facilitar o autoconsumo enerxético.

“Parécenos estupendo que Sánchez considere razoábel que Aragón teña unha compensación pola xeración excedentaria de enerxía eléctrica. Mais tamén o ten a Galiza; por iso máis unha vez reclamamos que este mesmo criterio se aplique ao noso País. O Goberno non pode seguir negando á Galiza o que permitirá a outros territorios como Aragón” asevera.

O deputado do BNG lembra que o último punto do acordo de investidura recollía o compromiso de “estudar unha tarifa eléctrica propia para as comunidades excedentarias e, particularmente, para o noso País”