congreso

Néstor Rego: “O Goberno debe traballar para a paz e renunciar a embarcarse nunha dinámica belicista”

Néstor Rego

Néstor Rego censura as últimas declaracións da Ministra de Defensa que teñen por obxectivo “preparar mentalmente a sociedade para a hipótese de entrar nun posíbel conflito e que acepte decisións que xa se están tomando como o aumento exponencial do gasto militar”

“É unha absoluta irresponsabilidade que, nunha conta oficial do Estado Maior do Exército, sexa publicado un post de que é necesario “estar preparados para combater na Europa do Leste”. Reclamamos que se desautorice esta publicación” exixe

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado español que renuncie á dinámica belicista e aposte polas vías pacíficas e de diálogo para resolver os conflitos internacionais. Censura as últimas declaracións da Ministra de Defensa en que asegura que a “ameaza da guerra é absoluta” como un intento de influír na opinión pública e preparar a sociedade para que acepte as decisións que se están tomando. Así mesmo, exixe que se desautoricen publicacións como as realizadas nas redes sociais do Estado Maior do Exército.

“O Goberno estase embarcando nunha dinámica belicista -que non é nova- e que cada día dá pasos nunha dirección errónea. Se queremos paz temos que preparar a paz, polo que reclamamos, máis unha vez, ao Estado español que renuncie a esa dinámica e aposte polas vías pacíficas e de diálogo para resolver os conflitos internacionais.

Neste sentido, Rego salienta o acontecido en Francia após as declaracións do presidente Macron  sobre a posíbel participación na guerra e a resposta social contundente de rexeitamento que tivo nas rúas. Declaracións como esa son “dunha absoluta irresponsabilidade e só se entenden por parte de países europeos que, ao ditado do imperialismo norteamericano, están dispostos a sacrificar os seus pobos nunha confrontación que nin é necesaria nin xustificábel”.

A publicación de X: irresponsabilidade do Goberno

A pasada semana, lembra Rego, o BNG rexistrou iniciativas no Congreso para que o Goberno desautorizase unha publicación na Rede Social “X” do Estado Maior do Exército que recollía na súa descrición “...se queremos estar preparados para combater en Europa do leste é fundamental a instrución e o adestramento no paso de cursos de auga”. O BNG, por medio do seu deputado no Congreso, quere saber “que organismo tomou a decisión de que o exército vaia combater en Europa do leste”.

“Parécenos unha absoluta irresponsabilidade por parte deste Goberno que unha conta oficial do exército publique semellante cousa. Rexeitamos esta publicación e reclamamos que sexa desautorizada”.

Declaracións da Ministra para que a sociedade “acepte as decisións que se están a tomar”

Alén do máis, Rego denuncia as declaracións da Ministra de Defensa nunha entrevista a pasada fin de semana onde afirmaba que “a ameaza de guerra é absoluta e a sociedade non é de todo consciente”. Para o deputado do BNG, esta “é outra declaración irresponsábel por parte do Goberno do Estado que vai na dirección equivocada” e, na súa opinión, entende que o obxectivo é “preparar mentalmente a sociedade para a hipótese de entrar nun posíbel conflito e preparala para que acepte decisións que xa se están tomando como o incremento exponencial do gasto militar”.

“Cuestionado, emendado e votado en contra polo BNG, hai que lembrar que o orzamento de Defensa para o ano 2023 ten unha previsión de incremento entre 2023 e 2029 en 17.000M€” denuncia Rego. Un incremento que, segundo os datos fornecidos polo Centro Delàs, sitúanse xa en 2023 na orde de 3% do total dos OXE se se suman o orzamento destinado en Defensa co resto de proxectos dirixidos por outros ministerios como o de Ciencia. En todo o caso, “son recursos públicos que se detraen de políticas sociais absolutamente necesarias”, subliña Rego.