Néstor Rego: ”Galiza debe ter capacidade para decidir sobre o noso mar e non seguir prexudicada”
Presenta en Ribeira medidas para defender no Congreso os intereses do sector pesqueiro e marisqueiro e anuncia que reclamará mudar os criteiros de repartos de cotas dos que Galiza sae gravemente prexudicada
O candidato do BNG, ao Congreso, Néstor Rego presentou hoxe en Ribeira as principais propostas que defenderá no Congreso para mellorar as condición produtivas e laborais dos sectores da pesca e o marisqueo.
Acompañado d@s candidat@s de Ribeira, Xosé Vázquez Cobas, A Pobra, Ramiro Ouviña, Boiro, Raquel Suárez, Xosé Deira ao Senado e o responsable comarcal Luís Pérez, Rego asegurou que “Galiza debe ter capacidade para decidir sobre o noso mar e non seguir sendo prexudicada por decisións que se toman en Madrid ou Bruxelas e coa complicidade da Xunta”.
Na súa intervención anunciou que o BNG no Congreso reclamará priorizar “criterios de sostibilidade ambiental ” fronte aos dos dereitos históricos que benefician a outras comunidades aplicando porcentaxes de capturas lesivas para Galiza. Ademais, dixo, o BNG defenderá que o mexillón sexa identificado como produto galego co control necesario do produto foráneo envasado en Galiza.
Para o candidato do BNG ao Congreso é urxente revisar “os criterios de cotización da seguranza social” das redeiras, mariscador@s e mariñeiros que na actualidade “son lesivos” e de forma especial, insisitiu, no caso das redeiras pola falta do coeficiente redutor. O sector galego debe “ter voz” e dende o BNG comprometémonos a darlla no Congreso porque “a cotización debe ir acompañada das prestacións correspondentes”. Rego asegurou que o BNG estará en permanente contacto co sector a través das confrarías, colectivos de mariñeiros e mariscadoras para ser capaces de defender adecuadamente os seus intereses.
Por outra parte remarcou que os dereitos do sector pesqueiro e marisqueiro non foron defendidos polas forzas políticas con representación en Madrid nin polo Goberno galego. No reparto das cotas, como aconteceu coa xarda, explicou os beneficiarios foron País vasco e Cantabria e dende o BNG non criticamos que defenderan os seus intereses pero a Xunta de Feixóo “non defendeu os nosos”.
Feixóo sempre se mostrou “submiso e calado” facendo bandeira da súa actitude e culpabilizando a outros territorios de ter conseguido mellores cotas. Nós, dixo, non criticamos ao País vasco ou a Cantabria, nós criticamos ao Goberno galego que non defende os nosos intereses. “Galiza debe que ter capacidade para establecer liñas de negociación con terceiros países para poder pescar”.
Ademais, tamén se referiu á transferencia da AP-9 afirmando que para o BNG será “unha prioridade”. A nós, explicou, non nos agravia o País vasco por conseguir a AP-68, quen nos agravia é “Feixóo, o Partido popular e a Xunta de Galicia que durante anos estiveron bloqueando a transferencia da AP-9”.
Finalmente o candidato mostrou o seu convencemento de que o 28 de abril, Galiza vai deixar a súa afonía política no Congreso “cunha voz propia da man do BNG”.