Néstor Rego: “Se os galegos e as galegas pagamos peaxes é por culpa do PP e se pagamos menos é grazas ao BNG”
Denuncia a campaña de “manipulación” do PP e aclara que a subida de prezos por riba do IPC na AP-9 foi incluída no convenio asinado por Ana Pastor no 2013
Os usuarios e usuarias habituais da AP-9 e da AP-53 pagarán ata un 75 % menos de peaxes coas bonificacións conseguidas polo BNG, subliña o deputado no Congreso
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou este venres a campaña de “manipulacións e mentiras” posta en marcha polo PP respecto ás peaxes na AP-9 e na AP-53 e aclarou que “se os galegos e as galegas seguimos pagando polo uso das autoestradas é responsabilidade do PP, mais se pagamos menos é grazas ao BNG”. Subliñou, neste sentido, que grazas ao acordo de investidura asinado polo Bloque os usuarios e usuarias habituais terán bonificacións nas peaxes de ata un 75%.
O deputado nacionalista quixo deixar claro que se os prezos na AP-9 soben este ano máis que o IPC é fundamentalmente porque así se contempla no convenio asinado no 2013 asinado por Ana Pastor, agora deputada por Galiza con Congreso e entón ministra de Fomento. “Ela foi quen asinou a addenda pola ampliación de Rande e a circunvalación de Santiago que establece unha subida do 1 % por riba do IPC”, remarcou.
Subliñou, ademais, que os galegos e as galegas non estariamos pagando peaxes dende o pasado 17 de agosto de non ser pola prórroga da concesión da autoestrada até 2048 asinada polo Goberno de José María Aznar “a cambio da construción dun tramo de menos de oito quilómetros”.
Fronte a xestión do PP, “o BNG conseguiu bonificacións que fan que os usuarios paguen unha cuarta parte do que está establecido”, insistiu Néstor Rego, que no caso da AP-53 subliñou que o tramo Santiago-Lalín é de pago por decisión do PP no Goberno central, namentres que foi o goberno do BNG e o PSOE na Xunta o que determinou que dende Lalín a Ourense houbese unha autovía, libre de peaxes.
Néstor Rego destacou que, en todo caso, o BNG seguirá a traballar por ter unha autoestrada galega libre de peaxes e, neste sentido, amosouse convencido de que a UE, que ten un expediente de infracción aberto, acabará por declarar ilegal a prórroga da concesión da AP-9 até o 2048, feita “sen procedemento concorrencia competitiva”, explicou.
“O PP intenta construír un relato dándolle volta ás cousas e quere que pareza que a responsabilidade de que soban as peaxes é do BNG, que non goberna nin aquí nin en Madrid”, asegurou, insistindo en que é responsabilidade do PP que os galegos e as galegas sigan pagando por dúas das tres autoestradas de concesión de longa duración que quedan no Estado español.
O deputado no Congreso denunciou, por outra banda, a “manipulación” e os “enganos” do PP respecto aos xulgados de violencia de xénero. “Chegaron a dicir que se non hai xulgados é culpa do BNG, mais a realidade é que até o 2023 o Goberno galego do PP non reclamou ningún xulgado de violencia de xénero e en diversas ocasións votou en contra de iniciativas do BNG no Parlamento de Galiza para reclamalos en Ourense, Lugo e Santiago”. O acordo de investidura do Bloque, lembrou, inclúe que a creación de cinco novos xulgados de violencia de xénero “exclusivos e extraordinarios fora da programación habitual”, e os tres primeiros irán vinculados aos orzamentos de 2024.
Inacción da Xunta ante a aparición de pellets de plástico na costa galega
Rego aproveitou a comparecencia para referirse tamén á aparición de pellets de plástico en distintas praias da costa galega, especialmente na ría de Muros-Noia, e criticou ao Goberno galego que non fixera “absolutamente nada” dende que se empezara a coñecer a situación xa a mediados de decembro.
Nesta liña, recordou que a Xunta se dedicou a facer propaganda coa calidade dos nosos produtos do mar, mentres se está a producir esta contaminación na costa galega. “Se ao mesmo tempo atendese situacións coma esta creo que as persoas que viven precisamente dos produtos do mar, e o conxunto da sociedade galega, que ten unha sensibilidade ambiental alta, lle estarían agradecidas”, reclamou, logo de reprobar ao Executivo de Rueda que fixera onte “algunha declaración” e “algunha chamada a algúns concellos” para advertirlles de “a ver como limpan”.
“Despois de deixar abandonados aos concellos, que son os que están facendo o traballo, cos seus propios medios, máis ben coa súa falta habitual de medios, mesmo para almacenar todos eses material que foi recollido”, denunciou.
Rego recordou que o BNG xa presentou iniciativas tanto no Parlamento galego como no Congreso para instar aos gobernos galego e español a actuar. No caso da Xunta para colaborar e poñer en marcha un dispositivo de prevención e limpeza das praias sen deixar abandonados aos concellos e, no caso do Goberno estatal, para investigar e certificar á empresa causante da situación e reclamar a responsabilidade correspondente, ademais de poñer en marcha conxuntamente co Goberno galego os mecanismos posibles para minimizar o impacto negativo desta contaminación.
Horizonte electoral: o cambio pasa por concentrar o voto no BNG
Preguntado polo horizonte electoral, Rego incidiu en que o cambio galego pasa por concentrar todo o voto da xente que quere cambio no BNG, “que hoxe é a forza mellor situada, mellor posicionada, para conseguir liderar esa mudanza coa presidencia de Ana Pontón do próximo Goberno galego”.
Dende o respecto do Bloque ao pluralismo político e ás decisións políticas doutras forzas de se presentaren ou non, Rego indicou que “non sería bo que se perdese ningún voto de cambio”, polo que incidiu en que “a garantía de que isto non aconteza é precisamente confiando no BNG”.
Nesta liña, subliñou que a fronte nacionalista está centrada en ofrecer á cidadanía galega unha proposta para unha Galiza de futuro e dunha Galiza con futuro, “con maior calidade de vida e con benestar”, traballando na elaboración do programa electoral, na conformación das candidaturas e na organización da campaña electoral, da que dixo, “será en positivo e sobre propostas que fan que xa unha maioría da sociedade galega queira que ese cambio se produza”, como as políticas de desenvolvemento económico, as melloras dos servizos públicos, o impulso á reindustrialización, ao ámbito da ciencia e a innovación, ao conxunto dos sectores produtivos e á lingua e á cultura, e tamén á profundización no proceso de autogoberno, enumerou.