XERAIS 2023

Néstor Rego: “Ferrol precisa de máis representación do BNG no Congreso para defender o seu futuro”

Iván Rivas e Néstor Rego

O BNG rende contas ante a cidadanía de Ferrol e estabelece as prioridades para a vindeira lexislatura: rematar co illamento de Ferrol ou solucionar a crise industrial a través da diversificación da actividade en Navantia, entre outras cuestións

Iván Rivas pon en valor o traballo realizado polo BNG no Congreso e apunta a necesidade de aumentar a representación nos vindeiros comicios para defender, con máis intensidade e influencia, os intereses de Ferrol

O deputado do BNG, Néstor Rego, e o voceiro municipal da formación nacionalista no Concello de Ferrol, Iván Rivas, renden contas sobre o traballo realizado nesta lexislatura no Congreso. “Incansábel e intenso” foron as verbas empregadas para cualificar o labor do único deputado nacionalista e sinalaron a necesidade de contar, a partir do 23X, dun Grupo Galego forte que permita avanzar na Axenda Galega e influír, de maneira constante, as políticas que leve a cabo o Goberno do Estado. Entre as cuestións pendentes, a frente nacionalista comprométese a traballar para rematar coa crise industrial da comarca, así como eliminar o illamento que sofre Ferrol, superando o déficit en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias, así como lograr unha “AP-9 galega e libre de peaxes”.

O voceiro do BNG no Concello de Ferrol, Iván Rivas, pon en valor o traballo realizado durante toda a lexislatura no Congreso na defensa dos intereses da cidadanía de Ferrol. “O noso deputado destacou entre os 23 deputados escollidos na Galiza polo seu incansábel e intenso labor na defensa da Galiza, levando á cámara baixa todas as demandas da cidadanía e aportando as solucións” subliña Rivas. Neste sentido, sinala a necesidade de que o BNG aumente a súa representación na cámara baixa, a través dun Grupo Galego forte, co obxectivo de avanzar na Axenda Galega porque se para Galiza é fundamental contar cun grupo galego forte en Madrid para Ferrol é imprescindíbel polas repercusións que ten na cidade as decisións que se adoptan no Congreso.

Entre os logros acadados pola frente nacionalista durante esta lexislatura, o deputado do BNG destaca a bonificación das peaxes na AP-9 para usuarios recorrentes. “Mentres os dez deputados do PP só conseguiron que as peaxes subisen durante os anos de goberno de M. Rajoy, o BNG cun só deputado, logrou a primeira rebaixa, sendo un fito histórico na Autoestrada do Atlántico” apunta. Mais, pola contra, o BNG non se conforma coa rebaixa senón que seguirá a traballar para conseguir unha “AP-9 galega e libre de peaxes”, máis, despois de coñecer que a Unión Europea declarou como ilegais as prórrogas concedidas polos gobernos españois de PSOE e PP.

Ante a crise industrial que sofre a comarca de Ferrol, a organización nacionalista rexistrou diversas iniciativas co obxectivo de que o Goberno do Estado actuase de maneira contundente para solucionalo. “Exemplo disto son as iniciativas a prol da diversificación da actividade nos estaleiros de Navantia na Ría de Ferrol, que debe incluír a construción naval civil, así como a modernización das instalacións e infraestruturas para aumentar a carga de traballo e ampliar os postos de traballo, cuestións que tamén se propuxeron a través de emendas aos Orzamentos do Estado” explica Néstor Rego.

E, falando de infraestruturas, a frente nacionalista estabelece como prioritario modernizar a rede ferroviaria interna, a través de actuacións concretas que permitirían ofrecer un servizo ferroviario de maior calidade para a cidadanía. “Seguimos a reclamar, tal e como fixemos durante esta lexislatura, a construción inmediata do by-pass de Betanzos para acurtar os tempos de viaxe entre Ferrol e A Coruña, implantando tamén o servizo de cercanías nunha rexión que alcanza os 650.000 habitantes, unha cifra moi superior se a comparamos con outros territorios que posúen o servizo con tan só 270.000 habitantes” subliña o deputado nacionalista.

“Ferrol debe saír do illamento que os sucesivos gobernos do Estado, de PP e PSOE, o someteron. Precisamos dun Grupo Galego forte en Madrid que permita condicionar as políticas do executivo e impulsar, de maneira máis rápida e eficaz, a Axenda Galega. O voto do BNG foi decisivo en moitos momentos nos últimos anos, temos que lograr que os votos do BNG para a próxima lexislatura sexan permanentemente decisivos” apunta.

Mais, tamén no ámbito ferroviario, a frente nacionalista demanda a modernización e o impulso da liña de ancho métrico coñecida como FEVE para conectar a cidade de Ferrol con Ribadeo, así como a modernización de todo o material rodante e o incremento das frecuencias. “Tal é así que, cando soubemos dos erros detectados no deseño dos trens e o retraso que este problema provoca, rexistramos iniciativas para o Goberno do Estado estabeleza medidas compensatorias para os usuarios e, mesmo, que destine trens híbridos para a liña” engade.´

Por último, entre o resto de iniciativas rexistradas durante a lexislatura, o deputado do BNG destaca a necesidade de que o Goberno do Estado compense á cidade de Ferrol pola exención do IBI dos bens inmóbeis de Defensa.