congreso

Néstor Rego exixe á Ministra Ribera que rectifique en relación coa eólica mariña na Galiza

Néstor Rego

A frente nacionalista alerta da afectación que suporá aos ecosistemas mariños e á capacidade produtiva: “O Goberno está antepondo os intereses das grandes empresas eléctricas e enerxéticas aos intereses da frota pesqueira do noso país”

Rego: “A plataforma continental galega é moi estreita. O Goberno pretende situar a 20-25 km da nosa costa os aeroxeradores, mentres o resto de países europeos sitúan os parques de eólica mariña a 60 Km de distancia”

O BNG apoiará as mobilizacións convocadas o sábado día 11 na Galiza en contra da implantación da eólica mariña e na defensa dos intereses da frota pesqueira galega

O Bloque Nacionalista Galego exixe máis unha vez a rectificación do Goberno do Estado na pretensión de instalar na costa galega parques de eólica mariña que afectarán gravemente aos ecosistemas mariños, á capacidade produtiva e á frota pesqueira galega. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comprométese a traballar para que non se poña en marcha ningún parque eólico e adianta a asistencia da frente nacionalista á primeira mobilización convocada na Coruña en contra da aprobación dos Plans de Ordenación do Espazo Mariño. Se non rectificar, o executivo estaría antepondo os intereses do oligopolio eléctrico aos intereses da frota pesqueira e ás posibilidades futuras da actividade económica.

Para o deputado do BNG no Congreso, os POEM aprobados facilitan a implantación de parques de eólica mariña na costa galega. De feito, na aprobación do POEM que afecta á Galiza -un dos cinco aprobados polo executivo estatal para o conxunto do Estado- pódese ver como a costa galega concentraría practicamente a metade de potencia posíbel do conxunto do Estado español. 

“O BNG vén defendendo desde hai tempo que non é aceptábel prever parques eólicos na nosa costa polas características da plataforma galega. Unha plataforma moi estreita que provoca que os proxectos se sitúen a tan só 20-25 quilómetros -mentres que nos países europeos, os parques de eólica mariña se sitúan a 60 km- situándose en espazos de alta sensibilidade ambiental e a zona de alta produtividade pesqueira” explica Rego.

“O Goberno, desatendendo todas as alegacións achegadas, como as presentadas polo BNG, asociacións ecoloxistas ou as propias confrarías de pescadores, está antepondo os intereses das grandes empresas eléctricas e enerxéticas aos intereses da frota pesqueira do noso país. Prefire favorecer os intereses de empresas como Iberdrola aínda que saiba que iso prexudica a nosa frota pesqueira e as posibilidades futuras de mantemento dunha actividade que xa se ve constantemente ameazada por decisións políticas, especialmente no ámbito europeo” denuncia.

Para o deputado nacionalista, as declaracións da Vicepresidenta Terceira do Goberno non deixan de ser palabras baleiras de contido. “Fala de que a eólica mariña será unha oportunidade para a mocidade galega mais non sabemos nin como, nin cando, nin onde. O que si sabemos é que vai ser unha oportunidade perdida para o noso sector pesqueiro que é un sector fundamental para a economía da Galiza” reitera.

“Non imos permitir esta ameaza e estaremos en frente, do lado do noso sector pesqueiro. Traballaremos para que o Goberno rectifique e non poña en marcha ningún parque eólico na nosa costa” finda Rego.

Mobilizacións na Galiza en contra do POEM

Hai un rexeitamento frontal, non só por parte do BNG, senón da sociedade galega no seu conxunto a estes proxectos de parques de eólica mariña. Neste sentido, o deputado nacionalista lembra a primeira mobilización convocada na Galiza para este sábado, 11 de marzo, diante da Delegación do Goberno na cidade da Coruña. “O BNG estará nesta mobilización apoiando ao sector e para reclamar unha rectificación por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica e da Vicepresidenta Ribera” adianta.