Nestor Rego esixirá no Congreso a recuperación da antiga terminal do Aeroporto de Santiago

aeroporto
O BNG propón que se use a vella terminal para reparacións de avións e formación aeronáutica

O candidato do BNG ás eleccións Xerais, Néstor Rego, xunto coa voceira no concello de Santiago, Goretti Sanmartín, participaron nun acto na vella terminal do Aeroporto de Santiago para anunciar que solicitarán no Congreso a súa recuperación para novos usos como hangar e taller de reparación de avións e centro de formación aeronáutica. Demandará tamén a construción dunha nova depuradora.

Dotar de novos usos á vella terminal do Aeroporto de Santiago co fin de contribuír á dinamización económica de Santiago é unha das propostas que o BNG levará ao Congreso dos Deputados segundo anunciou esta mañá o candidato, Néstor Rego, para quen cómpre deter o deterioro dunhas instalacións que poden ser aínda rendíbeis.

"O BNG defenderá no Congreso dos Deputados que se lle dea un uso como hangares para reparación de avións, que pode xerar moitos postos de traballo e tamén como centro de formación aeronáutica, un ámbito de moitas saídas profesionais que pode contribuír á reactivación económica da comarca", sinalou Néstor Rego que afirmou que estes usos serían moi produtivos xa que existe a demanda pola falta de espazo noutros aeroportos da península.

Ademais, o candidato nacionalista anunciou que defenderá en Madrid a construción dunha nova depuradora que, segundo dixo, "tiña que estar feita xa coa nova terminal porque a antiga é insuficiente e está provocando contaminación no río Labacolla, unha situación que non é sostíbel".